A Anpa do Ceip de Cervo emitiu este venres un comunicado de prensa no que amosa a súa “incerteza” e “temor” respecto de posibles contaxios de coronavirus durante o vindeiro curso, cuxo inicio está previsto para o vindeiro 10 de setembro. O colectivo de nais e pais cuestiona o “marxe de manobra escaso tanto para o centro como para as familias” que deixou a Xunta de Galicia, que entregará previsiblemente o vindeiro luns a versión final do protocolo Covid-19, unha data “a todas luces insuficiente”. As familias reuníronse o pasado xoves, xuntanza trala cal elaboraron unha serie de reclamacións ao Goberno autonómico.
CÁRGANSE “OS CUSTOS” E “AS RESPONSABILIDADES” SOBRE AS FAMILIAS E OS CENTROS
Nais e pais consideran “preocupante” que “os custos aparellados ás medidas a tomar serán principalmente asumidos polos centros educativos, detraéndose das ferramentas para educación das crianzas. Así o marca o protocolo elaborado pola Consellería de Educación, onde nada se indica sobre unha partida orzamentaria concreta que financie e respalde a implantación das novas medidas”, lamenta a Anpa cervense.
O colectivo de nais e pais tamén critica “as responsabilidades que o protocolo reparte, deixando a maior carga das mesmas sobre o profesorado e as familias. En opinión da
asociación algúns casos son flagrantes, como o do transporte concertado pola Anpa para o alumnado de Burela, onde ante un posible contaxio, a última responsable sería a súa presidenta“.
As familias reclaman en primeiro lugar “a elaboración dun protocolo consensuado entre todas as partes: familias, docentes e administración”. En segundo lugar, “un acompañamento orzamentario que sustente todas estas medidas, e que non recaia o seu custo nas familias ou nas paupérrimas contas do colexio”.
PIDEN MÁIS COIDADORAS PARA O COMEDOR E ENFERMERÍA NO COLEXIO
O aumento de coidadoras no comedor, “para así poder manter as medidas de prevención”; o “compromiso dunha limpeza e desinfección de aulas e lugares comúns varias veces ao día por profesionais”; a “incorporación dunha figura de enfermería no centro”; así como “a provisión de equipos de protección individual e colectiva, tanto para docentes, coidadoras e alumnado, para así minimizar o risco de contaxio”, son outras das demandas da Anpa. Estas medidas coinciden coas reclamadas pola Federación Provincial de Anpas (Fapacel) de Lugo.
Outro dos puntos tratados na reunión mantida polas nais e pais do centro cervense foi a ausencia de pediatra no concello. Unha problemática que na súa opinión “verase incrementada nas vindeiras datas, xa que o inicio do curso implicará un maior índice de contaxios entre os alumnos, non só pola Covid-19″.
Así pois, as familias decidiron instar á Consellería de Sanidade a “resolver canto antes esta falla de persoal sanitario e así estar preparados para cando comece o peor”. Na súa opinión, estes meses nos que foron derivados ao centro de Burela o servizo estivo “lonxe de ser o máis óptimo, ante unha falta flagrante de recursos, e con dúas pediatras para cubrir máis de 4.000 nenos dos concellos de Burela, Cervo e Xove”.
As crianzas derívanse a Burela desde hai meses por unha baixa, que non está a ser cuberta polo Sergas; a finais do mes de xullo a corporación aprobou por unanimidade unha moción do BNG para reclamar a cobertura da praza.
A EDUCACIÓN PRESENCIAL, CHAVE PARA O DESENVOLVEMENTO DAS CRIANZAS E A CONCILIACIÓN
A Anpa do colexio asegura asumir “que o risco cero non existe”, pero considera que “as medidas deben estar á altura das circunstancias. Dende o colectivo cervense non están dispostos a vivir unha situación coma a do pasado marzo, xa que entenden que os nenos e nenas precisan da educación presencial para o seu desenvolvemento educativo e emocional, así como as nais e pais precisan do centro para poder conciliar vida laboral e persoal“, remarca.
As familias opinan que “o tempo foi máis ca suficiente, e estar así a estas alturas é unha clara irresponsabilidade por parte das administracións competentes. Así, de non ter ningún tipo de resposta ás súas peticións, non descartamos outro tipo de accións para ser escoitados”, conclúen.