IniciosociedadeA Acisa crea marcas para promocionar Rinlo e Porcillán como vila e...

A Acisa crea marcas para promocionar Rinlo e Porcillán como vila e barrio mariñeiros

A asociación de comerciantes aspira a desenvolver actividades específicas con axudas e fondos propios, a fin de potenciar os enclaves a nivel turístico, gastronómico e cultural

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo anunciou este mércores que presentará as denominacións Vila Mariñeira de Rinlo e Barrio Mariñeiro de Porcillán co fin de potenciar eses lugares desde a promoción turística, gastronómica, de ocio e cultural, e levar a cabo actividades propias para eles. A primeira será unha exposición fotográfica que será inaugurada nos vindeiros días.

Con estas marcas, a patronal ribadense busca potenciar a imaxe turística de ambos lugares, poñendo en valor a súa gastronomía, a súa contorna e as súas opcións de ocio.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou que “a día de hoxe, en Rinlo contamos con cinco establecementos de hostalería asociados e en Porcillán con seis, cifras que fan case o 100% dos bares, restaurantes e hoteis de ambos lugares. Dende hoxe eses locais lucirán un distintivo específico e personalizado, cun deseño propio para Rinlo e para Porcillán”, indicou.

PLANIFICARANSE XORNADAS E FEIRAS GASTRONÓMICAS, CONCERTOS E ROTEIROS

O presidente da asociación de comerciantes, Francisco Iriarte, explicou que “a creación destas dúas novas denominacións supón que, a partir de agora, dende Acisa poderemos desenvolver actividades específicas con axudas e fondos propios destinados especificamente a eles, a Porcillán e a Rinlo. Falamos de que nun futuro, esperemos que non moi lonxe, se poidan facer xornadas e feiras gastronómicas, concertos e actuacións diversas, coas que dinamizar estas zonas. Ademais crearemos guías específicas, roteiros e outros servizos que nos axuden a promocionar estes dous paraísos que temos en Ribadeo”, abundou.

Iriarte expuxo que “este foi un compromiso que acadamos na última asemblea de socios, no mes de xaneiro, cando o mundo era outro, e pensabamos que non o íamos poder cumprir dadas as circunstancias actuais”, e precisou que “saldamos unha débeda histórica da asociación cos seus membros tanto do porto de Ribadeo como de Rinlo, que tradicionalmente se ven un tanto desfavorecidos no relativo á nosa actividade, ao non estar asentados no núcleo urbano da vila”.

A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘XANELAS AO MAR’, CON IMAXES HISTÓRICAS, PRIMEIRA INICIATIVA

Dentro deste proxecto, a exposición fotográfica ‘Xanelas ao Mar‘ poderase ver durante varias semanas nas rúas e na hostalería da Vila Mariñeira de Rinlo e do Barrio Mariñeiro de Porcillán.

Pérez e Iriarte, na presentación da iniciativa. AXM

A mostra estará durante os meses de setembro e outubro e crease como unha proposta diferente que ofreza un atractivo aos visitantes que nestas datas aínda poden vir a Ribadeo, traballando así pola desestacionalización do turismo. A exposición amosa nas rúas e na hostalería de Rinlo e Porcillán fotografías históricas cedidas por veciños, que axudarán a dar a coñecer como eran e como se vivía neses lugares, así como as artes pesqueiras e marisqueiras que se empregaban antigamente. “Na organización desta mostra imos da man da asociación O Candal, e contamos coa colaboración da Xunta de Galicia”, concretou Iriarte.

DOCUMENTAL

“A exposición terá dous actos inaugurais: o sábado 12 ás 20.30 horas na Vila Mariñeira de Rinlo, na praza de Santa Catalina; e o luns, 14 de setembro, ás 12.00 no Barrio Mariñeiro de Porcillán, nas instalacións do Real Club Náutico de Ribadeo (RCNR). Nos actos que se desenvolverán nesas datas intervirán representantes de Acisa, da Xunta, do RCNR e veciños de Rinlo e de Porcillán, e proxectarase un documental sobre a historia mariñeira de Porcillán e marisqueira de Rinlo. Esa cinta servirá posteriormente para promocionar e mostrar a historia de dous lugares tan importantes do noso concello aos nenos e nenas dos centros educativos”, engadiu Pérez.

A actuación contempla “a entrega gratuíta de catro lenzos con máis fotografías a cada establecemento hostaleiro, así como unhas postais de recordo e un roteiro da mostra para que se poidan dar aos clientes que eses días visiten a hostalería asociada a Acisa”, sinalou Pérez. Os locais participantes son: Restaurante San Miguel, Bar O Náutico, Taberna O Náutico, Fogar do Mariñeiro, Restaurante Marinero, La Solana, La Villa, Porto de Rinlo, A Mirandilla, O Portillo de Rinlo e A Cofradía.

Iriarte agradeceu “a colaboración e financiación deste proxecto por parte da Xunta de Galicia, así como ao deputado autonómico Daniel Vega polas súas xestións, á asociación O Candal de Rinlo pola súa cooperación e coorganización, ademais de ao equipo de persoas que puxeron en marcha este proxecto doando fotografías, participando no documental ou facendo posible esta actividade”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...