IniciosociedadeDimite a directiva do colexio de Xove ao negar a Xunta máis...

Dimite a directiva do colexio de Xove ao negar a Xunta máis tempo para preparar as aulas polas obras

O profesorado afirma que "non se dan as condicións hixiénico-sanitarias" porque os traballos, que seguen no exterior, ralentizaron a sinalización e impiden ventilar as instalacións

Publicada o

- Advertisement -

A directiva do Ceip Caselles Rollán presentou a súa demisión este xoves trala decisión da Xunta de Galicia de impoñer o comezo do curso para o vindeiro luns, cando o profesorado entende que as aulas non cumpren “as condicións hixiénico sanitarias”. Os docentes expoñen que as obras de reforma do centro, que non remataron no exterior do edificio, ralentizaron a preparación das instalacións, que requiren de “alomenos cinco días” de traballo.

AS PRESENTACIÓNS, NO PATIO

A Consellería de Sanidade rexeitou a petición de máis tempo dos docentes e só flexibilizou un par de días a apertura, quedando para esta semana -hoxe e mañá- presentacións por chanzos en Infantil e Primaria. Este xoves, ante a imposibilidade de comezar nas aulas, o patio acolleu a estrea -dunha hora de duración- para 16 dos 22 estudantes de primeiro; dez dos 20 escolares de segundo; e 17 dos 22 pequenos de terceiro. O venres será a quenda doutros tres cursos, nun colexio con 180 alumnos e 18 docentes.

ATRASO NAS ACTUACIÓNS, INICIADAS EN XUÑO

As obras de reforma Ceip Caselles Rollán, con case 670.000 euros de investimento, foi adxudicada no pasado mes de maio. Malia que os traballos comezaron a finais do mes de xuño e a previsión era de estar rematados para comezar o curso, cun prazo de execución de dous meses e medio, continúan as obras no exterior, que ralentizan a preparación das clases, especialmente esixente neste exercicio por mor do coronavirus.

“DE ABRIR AS FIESTRAS ENTRA O PÓ”

“As obras por dentro están finalizadas, pero a día de hoxe non temos implementadas as medidas que son requeridas pola Covid-19. O problema tivémolo co protocolo, porque a día 1 de setembro aínda se estaban pulindo os solos; daquela, o profesorado non tivo tempo material para preparar as aulas. Unha medida tan básica como a ventilación, considerada tantou ou máis importante que levar máscaras, resulta imposible ao estar o edificio cheo de andamios, pois de abrir as ventás entra “, explica o director do centro, Marcial Miramontes.

O director lembra que o protocolo especifica que as aulas deben ventilarse “antes do inicio das clases e no intercambio, un mínimo de dez e quince minutos. É imposible realizar a ventilación cos andamios postos. Estamos en plena pandemia e non cumprimos os requisitos”, zanxa.

“NON ERA TAN DIFÍCIL DARNOS UNHA MAIOR MARXE”, AFIRMAN OS DOCENTES

O docente engade que “a sinalización está aínda sen poñer e as aulas por organizar, porque moito do traballo noso dependía do traslado do material, que estaba almacenado no pavillón. Considero básico ter cinco días ou unha semana máis para poder organizar todo. Esa flexibilización nos nos deu e imos a marchas forzadas, parécenos que non era tan difícil darnos maior marxe”, argumenta.

Por todo isto, o profesorado entende que “as condicións hixiénico-sanitarias non se cumpren nas aulas e esa foi a razón pola que o equipo directivo presentou a demisión”, expón.

Miramontes remarca “o traballo” dos docentes, “que están vindo polas tardes” e aos que “non se lles pode pedir máis“, pero incluso incrementando o traballo na fin de semana ve “imposible” que o centro vaia estar listo para o luns. “Non está preparado, é un feito”, apunta.

INCERTEZA NAS FAMILIAS

A Asociación de Nais e Pais (Anpa) amosou a súa incerteza no tocante ao inicio do curso. As familias resaltaron que comprobaron “as carencias na organización das instalacións”, coincidindo en que non se dan as condicións hixiénico-sanitarias para o comezo. “Recibimos numerosas chamadas e mensaxes de familias transmitíndonos a súa inseguridade porque o colexio non está listo”, indicou a agrupación.

AS OBRAS NO EXTERIOR, SEN DATA DE FINALIZACIÓN

Preguntado sobre se a Xunta especificou unha data de finalización das obras no exterior do edificio ou de retirada da andamiaxe, Miramontes explica que “díxosenos que van finalizar axiña, pero non nos deron un prazo concreto“.

O PROFESORADO NON VE “UN PROBLEMA DE SEGURIDADE”

O docente matiza que non se trata “dun problema de seguridade“, xa que as obras no exterior “están perfectamente perimetradas con valados” e no interior “están finalizadas”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...