IniciosociedadeO 100% do alumnado e profesorado do Ceip de Covas apoiou a...

O 100% do alumnado e profesorado do Ceip de Covas apoiou a folga

Ribadeo acolleu o acto reivindicativo na Mariña, que contou co apoio do BNG; a Xunta cifra o seguimento do paro na provincia nun 7,31%

Publicada o

- Advertisement -

O 100% do profesorado e do alumnado do Ceip de Covas apoia a folga convocada polos sindicatos –CIG, CC OO, STEG e CSIF-este xoves, día de inicio do curso en Infantil e Primaria, para reclamar á Xunta de Galicia que realice o investimento necesario para contratar persoal, reducir as ratios de estudantes por aula -a fin de evitar contaxios– por aula e compensar os gastos extraordinarios por mor da aplicación do protocolo de adaptación dos centros á situación provocada pola Covid-19.

Desde a dirección do centro, con 18 docentes, concretan que só houbo servizos mínimos, pero aínda así ningún dos 185 alumnos acudiu á escola. A directora, Dolores Fernández, recalca tamén a necesidade de “aumentar os horarios de limpeza” e expón que resulta imposible, sen a posibilidade de reducir os ratios, garantir a distancia de seguridade requerida na normativa sanitaria, de 1,5 metros.

A Xunta de Galicia emitiu na tarde deste xoves un comunicado no que cifrou o seguimento da folga na provincia de Lugo nun 7,31%. Na Coruña tivo un apoio do 13,26%, en Ourense do 10,13% e en Pontevedra do 12,24%, de acordo cos datos do Goberno autonómico.

A folga convocada tivo a súa tradución en varias concentracións ao longo da xeografía galega, denunciando “a improvisación” da Xunta, que “cargou a responsabilidade ao persoal directivo, ao profesorado e ás familias”, e reclamando “máis recursos” e un protocolo “no que prime a sanidade sobre a economía”. Na Mariña Lucense o acto reivindicativo foi en Ribadeo, contando coa presenza do deputado autonómico do BNG Daniel Castro.

DANIEL CASTRO (BLOQUE): “A XUNTA OBRIGA A ESCOLLER ENTRE SAÚDE E EDUCACIÓN”

“O goberno debe de asumir as súas competencias dunha vez, non podemos consentir que as nais e os pais teñan que escoller entre o dereito á educación e o dereito á saúde dos seus fillos e fillas”, declarou Castro.

A XUNTA OMITE A SITUACIÓN DO COLEXIO DE XOVE

O Goberno autonómico cifra en oito os centros que “non puideron comezar hoxe as clases por mor das obras que se están desenvolvendo nas súas instalacións”. Referiuse así ao CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira), mentres que na de Lugo non abriu as súas portas o Centro de Educación Especial (CEE) Infanta Elena (Monforte de Lemos) e na de Ourense retrasou o seu inicio o CEE Miño. Estes tres centros iniciarán as clases o vindeiro luns 14 de setembro.

Na provincia de Pontevedra o comezo está adiado ata o día 16 de setembro no CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga), no CEIP do Carballal (Marín), no CEE de Pontevedra (Pontevedra), no CPI da Cañiza (A Cañiza) e no CEIP Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa). Non cita o Ceip Caselles Rollán de Xove, onde a directiva presentou a súa renuncia despois de que a Consellería de Educación non accedese a deixar máis tempo para preparar as clases, dado que o profesorado tivo dificultades para axeitar as instalacións por mor das obras de reforma que se están a realizar, por agora sen acabar no exterior do edificio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...