Viveiro levanta a suspensión dos eventos que organiza e dos celebrados en instalacións municipais

O Concello matiza que "cada celebración será obxecto de valoración individualizada" co obxectivo de "garantir a seguridade e saúde públicas"


O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de adoptar, “atendendo ás medidas establecidas polas autoridades competentes e á evolución actual da situación epidemiolóxica no municipio”, a decisión de “levantar a suspensión da celebración de actividades e eventos culturais, deportivas e de ocio organizadas polo goberno local ou daqueles que, non sendo organizados polo concello, se celebren en instalacións e espazos públicos de titularidade municipal, así como de levantar a cancelación da cesión de uso de instalacións e espazos municipais”.

Con todo, advirte o executivo municipal, “cada celebración será obxecto de valoración individualizada co obxectivo de garantir a seguridade e saúde públicas. Ademais, todas as actividades e eventos deberán cumprir co disposto polas autoridades competentes en cada momento”, remarca.

AGRUPACIÓNS

Tamén se acordou “levantar a limitación de prohibición de agrupacións de máis de dez persoas en espazos públicos municipais, mantendo a recomendación establecida na Orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade, de restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas”, expón.

APERTURA DOS CENTROS SOCIOCULTURAIS, DO PASTOR DÍAZ E DA PISCINA

O goberno local tamén acordou a apertura da piscina municipal, cuxa actividade se reanudará o vindeiro 21 de setembro; do Teatro Pastor Díaz, con efectos do día 26 de setembro; e dos centros socioculturais, debendo cumprirse en todos os casos coas medidas e limitacións establecidas polas autoridades competentes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here