O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, e a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, mantiveron este martes un encontro con familiares e representantes dos usuarios da residencia de maiores, que demandan a creación dun espazo ao aire libre nas inmediacións desas instalacións para que poida ser empregado polos residentes. O Concello anunciou que facilitará a posta en marcha desa zona de entretemento.
O rexedor burelao explicou que “o Concello está pola labor de facilitar que se faga alí un patio ao que poidan saír en quendas ou como vexan os responsables da residencia. Eu xa teño falado coa delegada territorial (da Xunta de Galicia, titular das instalacións) deste tema e penso que hai interese polas dúas partes. Imos ver se concretamos e o facemos o antes posible, sempre dentro das posibilidades que ten o Concello, que desde logo ten a vontade de facilitar que se poida facer algo desa índole para lograr que polo menos as persoas usuarias teñen unha oportunidade de saír fóra con todas as garantías sanitarias e sociais”, expón.
UNHA ÁREA “NECESARIA” POR MOR DO CORONAVIRUS, PERO “TAMÉN PARA O FUNCIONAMENTO HABITUAL” DO CENTRO
López dixo que “estas representantes dos usuarios e usuarias da residencia de maiores de Burela instan mediante un escrito e sinaturas recollidas en toda a vila a que a Xunta de Galicia faga unha solicitude de cesión de espazo ao Concello para poder habilitar unha zona ao aire libre”. A concelleira burelesa manifestou que “dende o Concello de Burela estamos totalmente de acordo en facer esta cesión ao Goberno autonómico, da cal depende o centro, xa que nos parece moi necesaria non soamente nestes momentos, senón para o funcionamento habitual do mesmo”.
Alfredo Llano, Carmela López, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, visitaron a residencia de maiores de Burela acompañados da arquitecta municipal e do arquitecto técnico de obras para supervisar as instalacións e ver as posibilidades que se abren para afrontar esta demanda.
CRONISTA OFICIAL
O vindeiro xoves, 24 de setembro, haberá pleno ordinario telemático no Concello de Burela, no que se aprobará o nomeamento de Herminia Pernas como cronista oficial de Burela; as tres forzas da corporación –PSdeG-PSOE, PP e BNG– amosáronse a favor da proposta.
“É unha persoa que xa é coñecida e recoñecida polo seu labor e pola súa vocación de traballar temas de Burela en todos os aspectos que corresponden a patrimonio, a historia, a cultura; todo o que sexa interesante para calquera, tanto para os que vivimos aquí como para os que veñan de fóra. Eu penso que está perfectamente preparada para levar o seu traballo da forma máis axeitada e moi representativa do sentir de todos os veciños do municipio”, aseverou Llano.
FESTIVOS LOCAIS
Tamén se someterán a aprobación os festivos locais para o 2021, que serán o 16 de febreiro (Martes de Entroido) e o 7 de xuño (o luns das festas patronais). Son os mesmos dos exercicios anteriores.
POLICÍA LOCAL
Finalmente, levarase a pleno a sinatura dun convenio coa Vicepresidencia da Xunta para a convocatoria e desenvolvemento de procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos da Policía Local.
O acordo, a través da Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada, significaría “delegar neles os exames, a preparación, as prácticas e a formación do persoal de Policía Local, ademais de optar a axentes auxiliares, se nos fixeran falta. Agora mesmo temos dúas prazas vacantes que imos convocar xa, iso espero, para poder dispoñer deses policías a partir de xaneiro. Este é un convenio que para o Concello supón todo vantaxes, dado que non temos que asumir ningunha contía económica; si temos que cumprir uns parámetros, o que loxicamente estamos dispostos a facer”, conclúe.