IniciosociedadeA Mancomunidade elabora un plan de sostibilidade turística para tres anos por...

A Mancomunidade elabora un plan de sostibilidade turística para tres anos por tres millóns

O ente supramunicipal presenta a súa candidatura para acceder ás axudas, a fin de reactivar o turismo na Mariña, castigada por un brote de coronavirus no pasado verán

Publicada o

- Advertisement -

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense elaborou un Plan de Sostibilidade Turística para a comarca por importe de tres millóns de euros a desenvolver de 2021 a 2023. O presidente do ente supramunicipal, Fran Cajoto, subliña que o seu obxectivo é reactivar o sector tras o duro golpe sufrido en xuño co brote de Covid-19, que obrigou a confinar á comarca e que supuxo a cancelación do 100% das reservas realizadas para xullo e do 40% das previstas para agosto.

Cajoto manifestou que “a Mancomunidade presentou a súa candidatura para optar a un Plan de Sostibilidade Turística do Ministerio de Turismo de ata tres millóns de euros, alentada e apoiada pola Xunta de Galicia, para impulsar a reactivación turística da comarca”.

O BROTE, UN DURO GOLPE, COA CANCELACIÓN DO 100% DAS RESERVAS EN XULLO

O presidente da Mancomunidade explicou que “o pasado 5 de agosto, o anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, reuníase cos representantes da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense para dar a coñecer os principais puntos do futuro Plan de Sostibilidade Turística para a comarca, así como os requisitos e criterios a cumprir para a selección, defendendo a idoneidade da Mariña para estes plans co obxectivo de impulsar a súa reactivación turística despois do duro golpe tras o rebrote de Covid-19. Esperamos que ese compromiso se manteña e se aposte de forma decidida por unha comarca que ten un gran potencial por explotar e que está a sufrir unha grave crise tamén no eido industrial coa fábrica de aluminio de San Cibrao. É o momento de pasar das palabras aos feitos”, afirmou Cajoto.

APROBADO POR UNANIMIDADE

Cajoto dixo que “unha das características diferenciais deste plan é que unha vez redactado, foi aprobado de forma unánime en plenario da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que representa a 16 municipios gobernados por distintas cores políticas. É o resultado do esforzo de toda unha comarca traballando de forma unida, o cal non acontece moi a miúdo”, argumentou.

CAJOTO ESPERA OBTER FINANCIAMENTO DE XUNTA E GOBERNO PARA UN PROXECTO “NECESARIO”

A Mariña Lucense entraría dentro da figura dos Planes de Sostibilidade en destinos turísticos rurais ou de interior, que inclúen zonas costeiras pouco desenvolvidas, que teñen como obxectivos principais dinamizar os destinos rurais para contribuír a afrontar o reto demográfico, poñer en valor o seu patrimonio medioambiental e crear novos produtos turísticos baseados nas súas particularidades. Son solicitados por entidades locais, e neste caso foi a Mancomunidade a solicitante, alentada pola Xunta.

Este Plan podería chegar a contar cun orzamento de tres millóns de euros para un período de tres anos (2021-2023). O Estado a través da Secretaría de Estado de Turismo financiaría o 40-45%, a Xunta de Galicia outro 40-45% e a Mancomunidade financiaría o 10-20% restante.

Cajoto agarda poder contar co financiamento necesario para poder levar adiante este plan “tan necesario para A Mariña e para o seu sector turístico neste momento”.

POÑER EN VALOR O PATRIMONIO E DETER A PERDA DEMOGRÁFICA, OS OBXECTIVOS

Cajoto sinalou que “dende a Mancomunidade, da man dos Concellos e coa axuda dunha consultora externa financiada polo Goberno autonómico durante o mes de agosto, traballouse a marchas forzadas para presentar o Plan de Sostibilidade Turística mais idóneo posible para a comarca na data sinalada, o 10 de setembro”.

Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense lembran que a comarca non conta cun plan turístico desde o ano 2014, data na que rematou o Plan de Competitividade de Produto Turístico, desenvolvido ao longo de catro anos: “desde entón non se volveu realizar un plan específico para o sector turístico do xeodestino, aínda que se segue a traballar nas liñas estratéxicas daquel plan”.

O obxectivo principal do novo plan é impulsar un desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica nas áreas rurais dos 16 municipios que garanta o desenvolvemento dun modelo rendable para o destino cunha visión do turismo a longo prazo.

A MARIÑA, “UN TODO”

Nese eido, traballouse en cinco eixos estratéxicos que tratan “á Mariña como un todo, sen localismos“. “Presentamos liñas de actuación que abranguen a todo o territorio da comarca. Así, poñer en valor as fervenzas que hai na Mariña, traballar en rutas de BTT ou sendeirismo, definir unha rede de miradoiros ou de turismo ornitolóxico ou definir, oficializar e potenciar unha ruta de peregrinación a Santiago esquecida -o Camiño do Mar– que discorre por todos os concellos costeiros, constitúen accións que benefician a toda a comarca no seu conxunto e non a un concello de forma individual”, indicou Cajoto.

Os eixos ou retos que se propón a Mancomunidade para os próximos tres anos serían cinco:

EIXO 1

Gobernanza colaborativa coa que fortalecer a capacidade operativa da Mancomunidade para a xestión do xeodestino e deste plan así como a coordinación cos diferentes Concellos e oficinas de turismo.

EIXO 2

Crecemento sostible para aproveitar os recursos mediante a renovación e creación de equipamentos e produtos turísticos seguros, innovadores e singulares. Atraer e fidelizar a determinados nichos de mercado ás zonas de interior, a través do deseño e promoción de actividades/recursos de turismo cultural, turismo activo, ecoturismo, turismo gastronómico, agroturismo, xeoturismo e aviturismo para combater a desestacionalización e a saturación dalgúns puntos de interese turísticos.

EIXO 3

Transformación competitiva: facilitar a transformación dixital, dotando ao sector público das ferramentas tecnolóxicas necesarias para mellorar a eficacia na atención ao cliente en destino, a xestión de datos, a promoción turística, e a comercialización dos produtos turísticos.

EIXO 4

Espazo turístico, empresas e persoas: sensibilizar e concienciar a residentes, visitantes, organismos públicos, e empresas turísticas sobre a necesidade de reconducir o turismo cara un modelo que reduza os impactos negativos e maximice os beneficios socio-culturais, ambientais e económicos no destino.

EIXO 5

Produto, márketing e intelixencia turística: promocionar e comercializar o destino dunha forma responsable para frear a perda de poboación no medio rural, aumentar o seu nivel socioeconómico e mellorar o equilibrio territorial neste territorio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...