O Valadouro celebrará o vindeiro 10 de outubro unha nova edición, a trixésimo terceira, da exaltación gastronómica do seu produto máis famoso, a Feira do Mel.
Así o anunciou o goberno local valadourense, que expón que se trata “dunha edición que se ve condicionada pola Covid-19 e que cambia de localización respecto ás últimas edicións. Os apicultores e demais vendedores de produtos de tempada, como poden ser castañas ou mazá, poñerán á venda as súas colleitas na extensión do parque Concepción Arenal, nun recinto delimitado e con control de aforamento adaptado á normativa vixente respecto da pandemia”, indica o executivo municipal.
NON HABERÁ DEGUSTACIÓNS, TAPEO NIN SHOW COOKINGS, PERO SI MÚSICA E SORTEOS
“As degustacións, os show cookings e o roteiro de tapeo que se celebrou por primeira
vez na anterior edición foron suprimidas da programación”, expón o goberno do Valadouro, que concreta que “si se manteñen os sorteos de lotes de produtos entre os asistentes que esta vez en lugar de realizarse presencialmente serán a través do sorteo da ONCE“.
A Banda de Música O Landro amenizará as rúas da vila de Ferreira e ás 13:30 a
Banda de Gaitas Mondrun dará un concerto na Praza de Santa María.
MÁIS DE 500 COLMEAS NO CONCELLO VALADOURENSE
O Concello do Valadouro busca manter unha cita “marcada na súa tradición”, que
durante anos serviu “para dar publicidade e valor ao ouro líquido que se extrae das
máis de 500 colmeas asentadas no seu termo municipal”.