IniciosociedadeA Feira do Mel resiste ao coronavirus para ofrecer "ouro líquido" de...

A Feira do Mel resiste ao coronavirus para ofrecer “ouro líquido” de proximidade

Doce postos, ademais dun de mazás e outro de castañas, ofrecerán o sábado no Valadouro o mellor dunha colleita que destaca por un maior equilibrio entre o eucalipto e o castiñeiro

Publicada o

- Advertisement -

Catorce postos, doce deles do “ouro líquido”, venderán os seus produtos na trixésimo terceira edición da Feira do Mel, que se celebrará no Parque Concepción Arenal, a fin de cumprir con todas as medidas para previr contaxios de Covid-19. A pandemia non puido así cunha das citas máis antigas de Galicia, que con todo volverá nun formato reducido a fin de evitar aglomeracións.

“Será un ano simbólico, sen actividades que se viñan facendo como a ruta de tapas, degustacións ou show cookings e con moitos menos postos -foran 46 na edición anterior-, pero a feira volve adaptada aos tempos de hoxe, priorizando a saúde e despois de estudar durante moito tempo como facela”, explica o concelleiro de Medio Rural do Valadouro, Iago Fernández.

A cita trasládase da rúa Andrés Palmeiro a un parque ubicado ao pé do río, onde se poderá controlar o aforamento con vixilantes de seguridade e un percorrido de entrada e saída que facilitará a fluidez das compras sen masificacións. Será obrigatorio o uso da máscara e haberá xel hidroalcólico para desinfectar as mans.

MENOR PRODUCIÓN CA NO 2019, AÍNDA QUE MAIOR CA NO 2018

Catorce postos ofrecerán nunha carpa produtos propios do outono; doce venderán mel e derivados, un castañas e outro, o da asociación local Afrugalmazás e produtos feitos a partir delas, somo sidra.

Pero o protagonista será, sen dúbida, o mel do Valadouro. A Feira ofrecerá o mellor dunha colleita singular, “peor ca o ano pasado, con menor produción, aínda que non tan mala como a do 2018, cando non houbo case floración“.

“As abellas confináronse despois de nós“, explica Fernández. “Comezaron ben o ano, pero nos meses de xuño e xullo, cando as colmeas están mellor, pararon, porque o tempo foi malo”, precisa. “Repuntaron máis adiante, co castiñeiro, polo que supoñemos que este ano a porcentaxe non tirará tanto cara o eucalipto senón tamén con esta especie”.

A VELUTINA E A VARROA, PROBLEMAS “SERIOS”

Fernández observa que “xa van varios anos nos que as cifras das colleitas non son boas, non como aquelas producións de 40 quilos por colmea”. Preguntado sobre isto, non atopa unha razón concreta. Sobre o impacto da velutina, explica que “tardou máis en chegar e comezou a presionar forte en setembro”, aínda que matiza que “noutras zonas nótase moito, como no Cadramón“. Si concreta en que “hai un problema serio do varroa; hai áreas nas que están facendo dous tratamentos, porque antes o frío mataba o ácaro, pero agora veñen invernos máis cálidos”.

UNHAS CINCOCENTAS COLMEAS NO MUNICIPIO

Se a pandemia trastocou boa parte da nosa forma de vida, as circunstancias climáticas e naturais son dores de cabeza para as produtoras dun “ouro líquido” que, con todo, resiste e estará á venda de novo na feira. Unhas 500 colmeas testemuñan a importancia do mel no Valadouro, un municipio no que a apicultura “é máis unha afección que un complemento económico. As boas colleitas dan diñeiro, pero a comercialización é complicada a xente produce porque lle gusta. Normalmente o que gaña vai reinvertido de novo nas abellas”, remarca Fernández. Así xira a roda que permite que a Feira do Mel cumpra o sábado 33 anos ofrecendo produto natural, de calidade e proximidade e feito por algo máis ca un mero rédito económico.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...