A Plataforma Sanitaria na Defensa da Sanidade Pública da Mariña emitiu un comunicado de prensa a través do que esixe ao Sergas que acometa “todas as actuacións precisas” para que os centros de saúde da comarca “retomen a actividade presencial“, rematando desta forma “coa percepción que ten a poboación de que non está sendo atendida como se merece”.
O colectivo explica que a raíz da pandemia, a Xunta de Galicia “decidiu centrar a atención sanitaria en citas e consultas telefónicas, reducíndose drasticamente a atención presencial, e mesmo Feijóo indicou que a atención por teléfono podería ser a medicina do futuro“. Unha estratexia que, argumenta a voceira da plataforma, Montse Porteiro, “xerou unha enorme dificultade para acceder aos servizos sanitarios, xa que non se dotou dos recursos materiais, tecnolóxicos e humanos precisos para que se poidera efectuar con garantías”.
TRABALLADORES “DESBORDADOS”, QUE ATENDEN TAREFAS HABITUAIS E O RASTREXO DA COVID-19
“O persoal sanitario e administrativo dos centros viuse totalmente desbordado, que viu como ás suas tarefas habituais se lle engadiron outras novas funcións de seguimento e rastrexo, sen reforzarse en absoluto o cadro de persoal e mesmo continuando coas súas políticas de non substitución dos traballadores ausentes por diversos motivos”.
A esta situación, continúa, “hai que engadir a escasez de liñas habilitadas para as chamadas telefónicas, a desviación de chamadas a unha central privada de atención e a percepción pola poboación de que as chamadas non son atendidas, ao non dar ton cando se está a atender unha chamada”.
Desde o colectivo sanitario esixen ao Sergas “que adopte as medidas necesarias para garantir maioritariamente a atención presencial, dotando aos centros da ratio axeitada de persoal, substituíndo aos profesionais con ausencias xustificadas, garantindo un acceso seguro e progresivo aos centros e evitando as aglomeracións de persoas cuns protocolos de actuación precisos”.
“Aínda que a atención telefónica é unha ferramenta que pode solucionar certas situacións non debe ser en ningún caso a única nin a principal“, conclúe Porteiro.