IniciosociedadeHemodiálise e Nefroloxía mudaranse desde o luns a unha zona con máis...

Hemodiálise e Nefroloxía mudaranse desde o luns a unha zona con máis do dobre de espazo

A nova sala de tratamento da unidade, con doce postos, estará separada das de consulta, cunha superficie total que pasa de 335 metros cadrados a 805

Publicada o

- Advertisement -

O Hospital Público da Mariña contará desde o vindeiro luns con novas dependencias para a unidade de hemodiálise. Na vindeira fin de semana ultimarase o traslado de aparataxe e material para que os primeiros pacientes que precisan sesións de diálise poidan recibilas nas novas dependencias desde o día 19 de outubro.

Para esta modificación abrirase un espazo dun total de 805 metros cadrados, cando a área actual é de 335. “Hai unha clara melloría nas instalacións das que se beneficiarán estes pacientes crónicos, que teñen que desprazarse ao hospital para recibir as sesións como mínimo cada 48 horas e nalgúns casos diariamente, para tratamentos que poden estenderse durante varias horas”, indica a responsable do centro hospitalario mariñao, María José Cortés Canay.

39 PACIENTES

Tanto as salas de tratamento como as consultas do departamento de Nefroloxía trasladaranse a unha zona á que se terá acceso a partir da antiga entrada principal, ao pé da cafetería, polo que os pacientes non terán que moverse en principio por ningunha outra parte do centro hospitalario.

Cortés Canay, na sala de espera da nova área de Nefroloxía. AXM

Desde o hall terase o acceso a toda esta área, “con boa accesibilidade, dado que está ao lado da rampa, o que favorece aos pacientes, que veñen en moitos casos en taxis ou ambulancias colectivas”, salienta Cortés Canay.

A capacidade da nova sala de hemodiálise é de doce postos, idéntica á que funcionaba na actualidade, tendo o departamento de Nefroloxía documentados un total de 39 pacientes que se distribúen entre quendas de mañá e tarde e en días alternos, de luns a sábado.

Actualmente dase un promedio de 19 sesións diarias, ascendendo o total anual a arredor de 5.900 sesións, o que demostra “a importancia” do servizo, subliña Cortés Canay. “O ritmo de atención será o mesmo e tampouco se aumentará persoal por este cambio”, sinala a directora do Hospital.

A maiores, haberá dous postos de agudos -aqueles que están ingresados, por exemplo-, un para pacientes con necesidade de illamento e outro de reserva por se fose necesario.

Hai outros dous postos habilitados para tratamentos de diálise peritoneal, aínda que polo momento non se ofrecerá este servizo no Hospital da Mariña.

DIFERENCIACIÓN DE ESPAZOS

Outra das novidades relevantes é o cambio na organización, coa separación entre as consultas e as salas de diálise, o que suporá “unha mellora na funcionalidade que non só repercutirá na comodidade dos usuarios senón tamén no propio día a día dos traballadores” do centro hospitalario, expón Cortés Canay.

NOVAS PLANTAS DE TRATAMENTO DE AUGAS

O cambio tamén implica unha nova planta de tratamento de augas, que filtra o fluxo da traída, con doble ósmose e circuíto de desinfección, para subministrar aos dializadores, sen ningún tipo de impureza. Nesta instalación tamén se duplica practicamente a superficie, pasando de 16 metros cadrados a 31. “Agora mesmo unha tecnoloxía punteira e é unha clara melloría no tocante á aparataxe”, destaca a directora do Hospital.

Respecto da zona actual, quedará baleira a expensas do que se prevea na seguinte fase de ampliación do centro hospitalario.

AMPLIACIÓN DO HOSPITAL

Con este cambio e co traslado da parte de Administración concluirá a fase 1 da ampliación do Hospital da Mariña. A previsión, en diante, sería a reforma do corredor onde está a parte administrativa, máis o corredor da parte baixa, onde se dan consultas, máis o laboratorio de anatomía patolóxica. “Hai un proxecto preparado pero por agora non temos datas concretas”, indica Cortés Canay.

CHAMADA A VACINARSE CONTRA A GRIPE

Cortés Canay chamou a participar na campaña de vacina contra a gripe, que está en marcha ata mediados de decembro. “É unha forma de evitar unha infección cuns síntomas similares aos da Covid-19, e tampouco sabemos como poden funcionar nun paciente o coronavirus e maila gripe simultaneamente”, resaltou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...