IniciosociedadeAraucaria House, a casa de Barreiros duns 300 anos que renace como...

Araucaria House, a casa de Barreiros duns 300 anos que renace como aloxamento

O proxecto, apoiado economicamente polo GDR Terras de Miranda, botará a andar previsiblemente a finais deste 2020

Publicada o

- Advertisement -

A antiga Casa de Don Eugenio, en San Cosme de Barreiros, vivirá a partir de finais deste ano unha nova das súas moitas vidas. Este inmoble de herdanza familiar de arredor do 1700 mutará en Araucaria House, un establecemento de hostalería que pretende a clasificación turística de Casa Grande.

O conxunto de edificacións, ubicado na rúa Prado, con vistas á ría de Foz, ten unha extensión de 7.726 metros cadrados. A casa e a súa finca pechada ocupan unha superficie de 5.619 metros cadrados; anexos a ela, hortas, unha eira con palleira, un hórreo e un pozo. “O lugar ten un potencial enorme, pero debido ao tamaño e ao investimento necesario íase botar a perder; había zonas reformadas e outras que estaban caendo, como as cubertas”, explica a promotora do proxecto, Maribel Prieto, licenciada en Dereito para quen a Araucaria House será a primeira experiencia neste sector.

A rehabilitación do conxunto, nos seus pasos finais, contou co apoio do Grupo de Desenvolvemento (GDR) Terras de Miranda, que ofreceu 200.000 euros do financiamento total. No futuro, nun emprazamento cercano pero non inmediato da contorna, secundario, construirase unha pista de pádel.

INMOBLE TRADICIONAL, VANGARDA TECNOLÓXICA

“Teremos oito habitacións dobres -contando camas supletorias, unhas 18 prazas– tentando ofrecer un turismo de calidade, tanto polos acabados da obra como polos equipamentos da habitación. A metade delas terán calefacción por solo radiante, con termostatos individuais, televisións intelixentes, cafeteiras como nos hoteis, ademais de altofalantes intelixentes cos que os clientes poderán interactuar con nós e pedirnos cousas. Tentamos respectar a humanidade da tradición da construción, a pedra, madeira, pizarra, pero coa tecnoloxía dos tempos modernos”, remarca Prieto.

A empresaria agarda que o negocio “estea en funcionamento na ponte de decembro, estamos finalizando os últimos detalles e algún permiso que falta, e por iso por agora non podemos asegurar unha data concreta”, explica.

ESTÍMULO DO EMPREGO E DO TURISMO

Este tipo de aloxamentos, amplos e nunha zona rural, semella serán os preferidos por unha sociedade preocupada pola Covid-19. “É certo que o que ofrecemos pode concordar co que busca a xente agora mesmo, aínda que a situación é de incerteza absoluta, algo que non é bo para ninguén, é non é doado abrir nun momento coma este”, remarca. En principio, Araucaria House dará outros dous empregos. “Ogallá que poidesemos contratar a máis xente porque significaría que o negocio vai ben”, precisa.

Araucaria House quere ser tamén un negocio que estimule o turismo no municipio e na comarca. “Asinamos varios convenios de colaboración con empresas de Barreiros, Foz ou Ribadeo; faremos charlas, rutas de sendeirismo… Trataremos de que a xente non só veña ás Catedrais e marche nun día, queremos que coñeza abertamente toda A Mariña ou unha parte. Cremos que hai que desestacionalizar as visitas, é unha cousa complicada pero tentarémolo. Buscamos clientela durante todo o ano. A bisbarra ten unha contorna natural espectacular, pouco explotada, e tamén hai oferta cultural importante; si vemos que hai potencial de mellora; se falamos de sendeirismo, temos que poñernos á par en infraestruturas de Asturias ou Cantabria“, sostén Prieto.

A ÁRBORE QUE LLE DA NOME, O SEGREDO MELLOR GARDADO

Aparte da antigüidade do emprazamento, chama a atención o nome. Por que Araucaria House? “Fai referencia a árbore que está detrás da casa, que estimamos que ten uns 150 anos. Esta non é unha casa de Indianos, é anterior, e parece ser que os antergos compraron os restos dun naufraxio dun barco que viña de América. Na súa base ten cinco metros e medio de diámetro, por 35 de altura. Queremos destacar a árbore, porque é unha historia curiosa, aínda que en 300 anos sucederon contos para aburrir”, argumenta a propietaria. En diante, xa como establecemento hostaleiro, seguirán pasando.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...