IniciosociedadeCajoto agarda que tralos 14 días a Xunta adapte as restriccións "ao...

Cajoto agarda que tralos 14 días a Xunta adapte as restriccións “ao grao de alerta” de cada zona

O alcalde de Foz, que lembra que na Mariña hai "moi pouca incidencia" do coronavirus, espera que as seguintes decisións "se tomen con máis sentido común"

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, publicou hoxe, xoves, un bando no que o goberno local restrinxe o uso das instalacións municipais debido ás medidas da Xunta pola evolución da pandemia do Covid-19 en Galicia.

RESTRINXE O USO DAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

O rexedor focego explica que “despois da orde publicada no DOG na noite do mércores ao xoves no Concello de Foz estamos adaptándonos ás medidas que se impoñen desde a Xunta de Galicia e o que facemos é restrinxir o uso dos edificios públicos ás actividades que están contempladas. Nese sentido vai continuar a educación na Escola de Música; o deporte federado; o teatro que estamos facendo os venres, pero limitado a un máximo de 60 persoas, como marca a orde. Pero distintas actividades que programaban asociacións, que están facendo un labor exemplar porque sen o seu traballo non se podería promover a cultura galega; refírome a actividades como cursos de folclore galego, que non van pode realizarse porque con tanta limitación de número de persoas non é factible. Tamén permanecerán pechados os parques públicos entre as 12 da noite e as 6 da mañá, como recomenda a norma”, remarca.

Cajoto engade que “esperamos cal é o seguinte paso da Xunta de Galicia porque esta orde ten unha duración de 14 días e veremos cal é a seguinte decisión que toman. Esperemos que despois se adapten ao grao de alerta de pandemia que teña cada zona e que se faga cun pouco máis de sentido común”.

O alcalde de Foz remata cun chamamento a toda a veciñanza: “grazas a vós, a que somos responsables, seguimos nese nivel verde de alarma, cun moi pouca incidencia de coronavirus ata o de agora en Foz, o que non exime de que o día de mañá poidamos ter novos casos. Reducir o risco na medida do posible é labor de todas e de todos, así que non podemos relaxarnos; debemos seguir usando a máscara e procurar o distanciamento físico, que son as principais medidas”, concluíu.

GRAO DOUS DE RESTRICCIÓNS

A Xunta limitou as reunións de persoas a cinco persoas non conviventes, límite non aplicable ás actividades profesionais, laborais e administrativas, así como nos centros edcuativos e no deporte federado. Nos locais de hostalería, está vedado o uso da barra, cun máximo de aforamento por terraza do 75% e do 50% no interior dos establecementos. Os eventos previstos para entre o 22 e o 25 de outubro concertados antes do mércores si se poderán celebrar, pero por norma xeral acórdase o peche das festas e verbenas. Ademais, recoméndase ás persoas maiores de 75 anos e vulnerables ao Covid-19 que non saian da casa na medida do posible ou que o fagan en horas de menor afluencia de xente na vía pública.

Unha decisión que xa foi criticada polo comercio e hostalería de Ribadeo, que alerta de que as medidas deixan tocados a estes dous sectores.

BURELA SUSPENDE AS ESCOLAS DEPORTIVAS

Por outra banda, a concellería de Deportes de Burela suspendeu, até novo aviso, as escolas deportivas municipais. O concelleiro responsable desta área, Ramiro Fernández Rey, asegura que o goberno local está a barallar varias opcións como a devolución dos cartos do período no que non se impartan as escolas, a ampliación durante unhas semanas máis da actividade ou mesmo organizar algunha alternativa que poida compensar esta parada obrigatoria.

E engadiu que “o deporte federado, en principio, se sigue permitindo con todas as medidas e os protocolos de seguridade que cada federación impón aos clubs. Estou realmente satisfeito da maneira que están cumprindo eses protocolos os clubs de Burela, tanto fútbol sala, como fútbol e especialmente baloncesto, que están facendo un gran traballo nese aspecto”, afirmou.

XOVE MERCA CATRO TOTEMS PARA INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

Finalmente, o Concello de Xove adquiriu un total de catro totem de acceso térmico con desinfección por un importe de 7.840 euros. Estes aparatos, que contan con pantallas táctiles, termómetro e sensor ultrasónico, información de aforamento, capacidade e conteo, desinfección de pés e lámpada UV, ou dosificador de hidroxel integrado, colocaranse en varios espazos municipais. O primeiro deles, no pavillón.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...