O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, supervisou este martes as obras de dotación de céspede artificial ao campo de fútbol de adestramento de Lourenzá, que contan cun investimento da institución provincial de 255.000 euros. Fíxoo durante a visita que realizou esta mañá ao municipio, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e a alcaldesa, Rocío López.
Tomé explicou que Lourenzá conta con dous campos de fútbol -un para disputar partidos e outro de adestramento- que teñen céspede natural, feito que limita as horas de emprego. “Para favorecer a práctica deportiva dos máis de 100 rapaces de distintos equipos e categorías que usan estas instalacións a diario, dótase de herba artificial a un deles”, subliñou o presidente do goberno provincial, quen enmarcou esta colaboración económica “no compromiso da institución coa cooperación cos Concellos para dotar e mellorar os servizos públicos dos veciños”.
Os traballos, que se están levando a cabo actualmente, consisten no movemento de terras e escavación en baleirado para a instalación do firme e dos pavimentos; drenaxe con canaletas nos laterais do campo, tubaxes de PVC e arquetas de fábrica de ladrillo, e bordos de formigón nos fondos do campo. En canto á pavimentación, esta levará un tratamento superficial de base herbicida e base de zahorra artificial de 20 centímetros.
Así mesmo, dotarase dunha rede de rego con aspersores emerxentes, depósito prefabricado enterrado de 20 metros cúbicos e un grupo de bombeo. Por último, instalarase unha estrutura para balóns de seis metros de altura e catro picas de córner. As obras estarán rematadas a finais de novembro.
ACTUACIÓNS NA CASA DA XUVENTUDE
O Presidente visitou tamén a Casa da Xuventude de Lourenzá, pois a Deputación vén de asinar un convenio de colaboración co Concello por valor de 50.000 euros para realizar melloras na fachada do edificio. Concretamente, as actuacións consistirán na súa impermeabilización para acabar coas filtracións de auga. No inmoble sitúase o PAI (Punto de Atención á Infancia) da localidade e tamén se desenvolven actividades para a veciñanza ao longo do ano. O convenio tamén inclúe a construción dun depósito de auga contra incendios en Cadros, na parroquia de Santo Tomé, para combater lumes forestais.
VISITA A TRABADA
Na súa visita á Mariña, Tomé supervisou tamén varias actuacións financiadas pola Deputación no concello de Trabada. Acompañado da deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, e Alcaldesa da localidade, Mayra García Bermúdez, o Presidente comprobou as melloras na accesibilidade feitas nos accesos á residencia de maiores e ao Centro Etnográfico.
Por un lado, renováronse as beirarrúas da rúa onde está situado o centro de atención a maiores da Deputación e dotouse dunha nova, pola marxe esquerda, á rúa Ría de Abres.
Por outra banda, no entorno do Centro Etnográfico creáronse varios muros de contención, pavimentáronse con plaquetas os accesos e con formigón a praza, rehabilitouse unha fonte de auga e instalouse unha varanda metálica. Así mesmo, dotouse dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e dun peche de ladrillo entre os pilares da parte posterior. En total, estes traballos contaron cun investimento provincial de 90.000€ a través do Plan Único da Deputación.