A parlamentaria do PSdeG-PSOE Patricia Otero lamentou o voto en contra este venres do PP a unha proposición non de Lei na que lle pedía á Xunta de Galicia que acordara unha estratexia para a reactivación económica da Mariña Luguesa. A deputada socialista urxiu unha actuación decidida do Executivo galego “para unha comarca que está a vivir a súa terceira restricción de movementos consecutiva malia estar en fase 0 de contaxios“, afeou. Os conservadores, pola súa banda, cualificaron a proposta de “maniobra de distracción” ante a situación de Alcoa.
Otero reclamáballe á Xunta a constitución dunha mesa de traballo integrada polo Executivo autonómico, os grupos parlamentarios, os axentes sociais e económicos e as entidades locais da comarca da Mariña para consensuar un plan de reconstrución da comarca. Este plan debera contar cun proxecto de industrialización, “logo de 11 anos sen investir nin un só euro do Goberno autonómico en impulsar a industria da comarca”.
POTENCIAMENTO INDUSTRIAL E DO TURISMO
Tamén debera incorporar, de acordo co PSdeG, medidas de potenciación do turismo interior e de costa, medias de apoio á hostalería e restauración, o apoio aos sectores primarios e axudas a autónomos e pequenas e medianas empresas. A deputada socialista presentou no Parlamento as propostas dos sindicatos na última manifestación da comarca no pasado mes de xuño, pedindo “melloras nas infraestruturas, os servizos públicos e a aposta da Xunta para non deixar morrer á comarca”.
Patricia Otero reclamou o apoio dunha comarca que “foi a única que despois do confinamento tivo que pasar un novo confinamento, decretado pola Xunta en plena campaña electoral -en alusión ao peche da bisbarra e especialmente do municipio de Burela, onde se detectou a maior incidencia dun brote de Covid-19– para agora vivir unha nova restrición de movementos cando se atopan en fase 0 de contaxios”, razón pola que asegurou “necesitamos unha atención especial nesta lexislatura”.
Otero replicoulle ao Grupo do PP que a posta en marcha dun plan industrial para a comarca non é incompatible coa defensa dunha solución para a situación da fábrica de Alcoa en San Cibrao mantendo os postos de traballo. Sinalou a contradición da postura do grupo popular, que pediu a intervención da planta “xa mesmo” mentres o conselleiro de Industria, na liña do Goberno de España, “pide buscar primeiro a venda” da planta para “non darlle beneficio a Alcoa”.
TELLADO DI QUE OS ESFORZOS “DEBEN CENTRARSE NO MANTEMENTO” DE ALCOA
Pola súa banda, o vicevoceiro do grupo popular, Miguel Tellado, acusou aos socialistas galegos de “pretender lavarse a cara con manobras de distracción e botar balóns fóra” pedindo agora un plan de reconstrución para A Mariña lucense. Neste sentido, cuestionou se “o Goberno de Pedro Sánchez non pensa cumprir o mandato tanto do Congreso como do Parlamento galego para intervir temporalmente a factoría de Alcoa en San Cibrao”, porque afirmou que “os nosos esforzos neste momento deben centrarse no mantemento da empresa e os postos de traballo”.
Tellado manifestou que “debemos exercer a palabra con responsabilidade, rigor e seriedade, sen tratar de enganar a ninguén”. Así, incidiu que a proposta dun plan de reconstrución para A Mariña “non é máis que unha manobra de distracción” e asegurou que desde o PPdeG “seguimos pedindo unha intervención temporal e un prezo público da enerxía competitivo”.