A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, criticou este luns a actitude da Xunta de Galicia co municipio nun comunicado no que enumerou as subvencións denegadas polo Goberno autonómico. PP e Concello trabadense polemizaron ao solicitar os populares que a tenente de alcaldesa, Julia Barcia, renuncie á dedicación parcial que percibe ao estar a traballar temporalmente como docente fóra da provincia de Lugo.
O PP trabadense criticou que “dúas persoas do goberno local de Trabada cobren salario público e ningunha atenda ao Concello”. Os populares aseguraron dar voz a veciños “molestos” pola “desatención” do goberno local ao Concello.
OS POPULARES DIN QUE “NON SE ATENDE” AOS VECIÑOS
O voceiro popular, José María Fernández, censurou que “a alcaldesa non atende ao Concello como prometera durante a campaña electoral”; senón que exerce como deputada no Goberno provincial polo que percibe unha dedicación exclusiva. Pero a isto hai que engadir que “a tenente de alcaldesa tampouco o está a atender a pesar de percibir dous salarios públicos: un como profesora substituta nun centro doutra provincia e outro pola dedicación parcial do Concello”, salientou.
“Ademais da falta de atención aos veciños na propia Casa do Concello porque as dúas persoas que cobran do diñeiro de tódolos veciños non están pendentes como deberían, tamén se pode apreciar esta desatención no descoido dos espazos públicos e na falta de proxectos e obras no noso Concello”, denunciou.
Fernández lembrou que “o grupo municipal popular votou a favor da dedicación parcial porque ten que haber no Concello alguén do goberno local que atenda aos veciños”; pero, ante esta situación, pide que “a tenente de alcalde renuncie á dedicación parcial durante o período no que estea a facer unha substitución nun centro educativo de fóra da provincia. Non é moi ético estar cobrando do Concello e, por estar lonxe do Concello, non prestar a atención que os veciños precisan”, engadiu.
OS CONSERVADORES PIDEN UTILIZAR O SALARIO “EN CUBRIR NECESIDADES DERIVADAS DA COVID-19”
O voceiro popular sinalou, neste sentido, que “eses recursos públicos se podían dirixir a cubrir as necesidades que poidan presentar os nosos veciños, moi especialmente nestes momentos de crise derivada da pandemia da Covid-19”.
O CONCELLO SALIENTA QUE A DIRECCIÓN XERAL DE FUNCIÓN PÚBLICA NON VE INCOMPATIBILIDADE
García Bermúdez respondeu que Barcia “segue tendo a mesma situación que tiña, pois ata o día 2 de outubro de 2020 viña desempeñando como traballadora autónoma unha actividade económica privada como docente en horario de mañás nos períodos non lectivos e de tarde nos períodos lectivos ademáis de desempeñar as funcións como primeira tenente de alcaldesa con dedicación parcial no Concello de Trabada”.
Polo tanto, argumenta o goberno local, “a situación a día de hoxe segue sendo a mesma, posto que en vez de estar como traballadora autónoma está contratada pola Xunta de Galicia como profesora de ensino secundario dende o día 6 de outubro”.
“Ademais, previa consulta formulada pola primeira tenente de alcalde sobre a compatibilidade das dúas funcións, a Dirección Xeral de Función Pública emitiu un informe no que se indica que non é precisa ningunha autorización previa posto que o cargo non se desempeña con dedicación exclusiva“, aclaran desde o Concello.
GARCÍA BERMÚDEZ REMARCA AS ACTUACIÓNS FEITAS
García Bermúdez respondeu ás críticas dos conservadores defendendo que no ano 2020 realizáronse ata oito actuacións de mellora e reforma, cun orzamento total de máis de 318.000 euros, entre elas a rehabilitación da escola de Villapercide por importe de 115.738,72 euros ou a mellora da accesibilidade á residencia e construción dunha beirarrúa pola marxe esquerda na Ría de Abres por importe de 42.377,05 euros.
PROXECTOS PARA 2021
Ademais, anunciou que nos vindeiros meses executaranse outros proxectos por valor de máis de 188.000 euros, como “a pavimentación dos camiños de acceso ao Bargo, Vilasuso, Carreirachá, que estamos licitando; a construción da pista de pádel por importe de 36.306,47 euros xa que ao precisar autorización de Patrimonio retrasou os prazos. A inicios do próximo ano levaremos a cabo as obras de reparación da cuberta na escola de Sante por importe de 15.559,01 euros e as obras de rehabilitación da vivenda de Vilapercide por importe de 39.998,96, así como o aparcamento de autocaravanas na Ría de Abres por importe de 40.492,72″, indicou.
“Ademais, en xullo redactamos o proxecto para a construción de vestiarios no polideportivo de Sante por importe de 79.739 euros e agora buscamos financiamento para a execución destas obras”, concluíu.
A REXEDORA CRITICA A “FALLA DE APOIO” DA XUNTA
Respecto da falla de apoio da Xunta que denuncia, García Bermúdez lembra que “son moitos os meses que levamos sen cubrir a baixa dun dos médicos do noso centro de saúde”. Ademais, recorda que “o ano pasado, o goberno da Xunta de Galicia suprimiu unha unidade educativa no noso colexio, e con elo temos unha mestra menos no colexio e os nenos están máis agrupados”. Fai fincapé, ademais, en que “non contamos co apoio do Goberno autonómico para poñer en marcha a residencia de maiores“.
A rexedora trabadense afea á Xunta que “tampouco tivemos colaboración para mellorar infraestruturas que consideramos necesarias”. Entre elas cita a reparación da rúa Joaquín Velasco, a substitución da cuberta do pavillón en Sante, a compra dunha furgoneta para poñer en marcha o servizo de transporte aos maiores, a mellora do equipamento da casa da cultura, o cambio de luminarias dos alumeados públicos de o Vilar, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando e a pavimentación de Cima de Vila, Sequeiro-Carrís e Abaira de Abaixo, a compra dunha pala mixta, a pavimentación das vías municipais no Bargo, Vilasusa e Carreira Chá, ou a reforma da rúa Cotarelo, onde se atopa a oficina bancaria e a farmacia, orzamentada en 121.000 euros.
AS OBRAS NA TRAÍDA, POR RESOLVER
“Tampouco nos concedeu a axuda solicitada para a construción dun albergue de peregrinos, local para usos múltiples e párking de caravanas na Ría de Abres por importe de 397.407,66 euros e a axuda para rehabilitar a primeira planta da escola de Vilapercide (39.998,96 euros) a través da convocatoria dos premios á dinamización demográfica; neste ano xa nos denegou 45.041,14€ para levar a cabo a mellora das instalacións e equipamentos dos vestiarios e do ximnasio municipal e 39.970 euros para a mellora dos alumeados públicos, así como 36.300 euros para un proxecto de concienciación e promoción da Reserva da Biosfera“, enumera García.
“Seguimos agardando resposta a peticións realizadas en reunións con diferentes Conselleiros e incluso co presidente da Xunta, como a concentración parcelaria de Vilapena, a cesión dunha motobomba, a mellora do abastecemento que depende do Concello de Ribadeo que a pesar de múltiples reunións a día de hoxe aínda seguimos á espera de resolver, os saneamentos en Sante e na Rabexa, a construción da ponte do Fornacho e das seis pontes danadas polo temporal do 2010″, conclúe.
Ademais, engade que o recibido no plan de mellora de camiños municipais “reduciuse practicamente á metade”, dos 61.425 euros do ano 2016 a 33.933 euros da anualidade 2020-2021.