A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia vén de activar a alerta vermella por temporal costeiro nos litorais oeste e noroeste da Coruña e na Mariña Lucense.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro deu comezo esta tarde. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 8 a 9 metros.
Cómpre recordar que, ata agora, estaba vixente a alerta laranxa en todo o litoral galego. Agora, o noroeste e oeste da Coruña e Lugo pasan a alerta vermella, mentres que se mantén o aviso laranxa para o suroeste da Coruña e Pontevedra.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.