O Concello de Ribadeo e mailo Partido Popular polemizaron de novo a raíz das obras precisas na estrada dos Garitos, que discorre paralela á vía de Feve e asume unha importante cantidade de tráfico pesado, especialmente madereiro, ao tempo que é utilizada polos viandantes. Ante o “silencio e a falla de apoio” da Xunta de Galicia, o goberno local pediu colaboración á área de Medio Rural da Deputación, que ostenta a concelleira nacionalista na corporación Mónica Freire, para acometer as obras, orzamentadas en 360.000 euros. O PP acusa ao alcalde, o tamén frontista Fernando Suárez Barcia, de vivir “moi cómodo nun martirio irreal” con respecto do Goberno autonómico.
O alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, e a deputada de Medio Rural visitaron a estrada dos Garitos, acompañados dos concelleiros de Medio Rural e Desenvolvemento Local, Jesús Mundiña e Pablo Vizoso.
PETICIÓNS DE APOIO
O rexedor ribadense declarou que “logo de constatar a mala e a perigosa situación deste vial dos Garitos, e que incluso o PP de Ribadeo se volveu un paladín da súa defensa chegando a asegurar nun pleno de febreiro deste ano que os cartos para amañar este vial habían chegar a cano libre ao Concello. E logo de que o pleno da corporación de maneira unánime lle pedira á Xunta de Galicia o compromiso económico que demandan os seus compañeiros de partido, e llelo fixemos chegar en varias ocasións ao longo deste ano, finalmente tivemos un silencio clamoroso ata o día de hoxe”.
Suárez Barcia fixo pública documentación na que require apoio á Xunta tanto no mes de febreiro como no pasado mes de xuño.
O alcalde sinalou que “o certo é que o problema segue aí, polo que agora co proxecto xa redactado polos técnicos municipais, cos permisos tamén sobre o vial na nosa man, decidimos pedir auxilio económico á Área de Medio Rural da Deputación de Lugo para que atendan as nosas peticións. Aquí sen tanto aspavento, sen tanta hiperventilación e sen tanta demagoxia política, estou seguro que han cumprir”, salientou.
Freire dixo que “desde a Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo entendemos a necesidade que ten o Concello de Ribadeo de amañar este vial. Hoxe puidemos ver in situ a situación lamentable na que se atopa e evidentemente require de actuacións de mellora. Nós, ante o incumprimento das promesas por parte da Xunta de Galicia, imos intentar dar solucións a esta necesidade”.
VEGA ACUSA A SUÁREZ BARCIA DE “PROHIBIR” Á XUNTA “INVESTIR NA ESTRADA”
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Ribadeo e tamén deputado autonómico, Daniel Vega, amosou a súa “indignación” pola “actitude e valoracións” realizadas polo alcalde e a deputada provincial.
“Foi precisamente o popular o que levou este asunto ao pleno municipal e lle confirmou ao rexedor que a Xunta de Galicia dispuña de orzamento para acometer a mellora desta vía. Tal é así que Vega lle comentou ao alcalde nacionalista que se puxese en contacto co Goberno galego para asinar un convenio ou incluso solicitar unha axuda no marco do Plan Urbe. A resposta de Fernando Suárez foi un si”, indican desde o Partido Popular.
Por este motivo, Daniel Vega censura “o cinismo” dos nacionalistas e pregunta directamente “por que o Sr. Suárez lle prohíbe á Xunta de Galicia investir nesta estrada”. O popular lanza esta pregunta porque “ademais, o propio alcalde mantivo recentemente un encontro co delegado autonómico en Lugo e nada lle comentou ao respecto deste asunto”.
Esta situación leva ao popular a concluír que o alcalde de Ribadeo “vive moi cómodo nas manifestacións de martirio irreal de que a Xunta non dá, de que a Xunta non inviste en Ribadeo”.