Ramón González Rey/EFE. Decenas de traballadores de Alcoa San Cibrao e auxiliares doaron este venres cadansúa caixa ou bolsa solidaria ao Banco de Alimentos da Mariña, para apoiar unha organización que se recoñece sobrepasada polo aumento das solicitudes de axuda por mor da crise económica provocada polo coronavirus.
En dúas ringleiras que deron a volta á rúa Corporacións Municipais, na vila de Foz, os obreiros amosaron a súa solidaridade especialmente cando tamén pasan por momentos complicados, dado que sobre a fábrica de aluminio pesa un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que podería significar a parada das cubas de electrólise e o despedimento de máis de 900 traballadores entre a factoría e as contratistas.
Fariña, conservas, pasta ou arroz, produtos de hixiene ou compango e embutidos envasados ao baleiro foron algúns dos bens doados polos traballadores.
A cantidade doada rondou os 2.700 quilos de alimentos e produtos non perecedoiros, segundo concretou o responsable do Banco de Alimentos, William Solano.
Solano afirmou que esta achega solidaria dos traballadores de Alcoa supón “unha gran alegría” e unha “importante axuda” para as familias máis desfavorecidas da comarca da Mariña, dado que eses alimentos permitirán cubrir “moitas necesidades”.
O Banco de Alimentos da Mariña pasou de atender as peticións de 386 familias, antes do inicio da pandemia, a 795, unhas 4.000 persoas, na actualidade.