A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu unha axuda de máis de 200.000 euros ao concello de Barreiros, procedentes do Fondo de Cooperación, para levar a cabo unha actuación de rehabilitación que albergará usos administrativos e sociais.
Diso informou o departamento autonómico nun comunicado, no que sinala que a conselleira, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, asinaron de forma telemática o convenio que lle dará acceso a este municipio da Mariña lucense ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
Segundo informou a Xunta, este instrumento permite apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento das actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
DEVOLUCIÓN EN OITO ANUALIDADES
Deste xeito, a achega económica comprometida pola consellería permitirá ao Concello de Barreiros dispoñer dun total de 200.592 euros para financiar esta actuación, unha cuantía que poderá devolver ao IGVS nun máximo de oito anualidades, de forma cómoda e sen intereses.
As obras a executar, en concreto, centraranse no edificio das escolas antigas situadas na Praza do Concello, que completa o conxunto edificatorio das institucións oficiais e que non posúe ningún uso no seu interior, sendo utilizado como almacén e de apoio ás oficinas xerais do Concello, en momentos de necesidades puntuais.
Coa recuperación, conforme sinalou a Xunta, garantirase un novo uso social e administrativo, xa que a idea do Concello é habilitar unha aula ou local plurifuncional, na planta baixa, para a organización de cursos, exposicións, reunións veciñais. Pola súa banda, na planta alta localizarase o arquivo municipal, que comunicará este inmoble co edificio administrativo central a través dunha pasarela.
A Xunta sinalou que desde que se puxo en marcha o Fondo de Cooperación do IGVS en 2017, grazas aos compromisos asumidos ata 2019, outorgáronse 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.
Ademais, no marco da convocatoria do fondo realizada este ano -cuxo prazo para a presentación de solicitudes abriuse o 7 de xullo e finalizou o pasado día 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros.