O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo é de 1.049, 33 máis ca onte, segundo o reconto deste xoves do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 75 novos positivos por PCR. Cabe salientar que os datos ofrecidos son do pasado día 4 ás 18.00 horas.
Dos 1.049 contaxiados, 48 están hospitalizados, seis máis ca onte. O Hospital Público da Mariña atende 15 pacientes de Covid-19, por 30 do HULA, onde fican os cinco pacientes da área sanitaria que requiren de coidados intensivos. No centro hospitalario de Monforte permanecen tres ingresados que contraeron o virus.
No histórico da provincia documéntanse 101 mortes, 3.500 altas e 4.649 contaxiados desde o inicio da pandemia. Realizáronse 83.071 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 938 probas, o 8% delas positivas.
No tocante á situación epidemiolóxica por municipio, o mapa non varía. Viveiro e Burela –que se verán afectados polo peche da hostalería e o confinamento perimetral decretado pola Xunta a partir de, finalmente, as 00.00 horas do sábado-, ademais de Cervo, seguen en alerta vermella por incidencia da Covid-19, os tres con máis de 21 positivos novos nos últimos sete días, mentres que Foz e Xove mantéñense en nivel 1, con entre sete e 14 casos confirmados no mesmo prazo.
Po outra banda, a nivel galego, os contaxios de coronavirus volveron repuntar a unhas horas de que se apliquen as mencionadas restriccións -nun total de 60 municipios- tras confirmarse 734 por PCR nas últimas 24 horas, deles 240 na área de Vigo. Ademais, os casos activos aumentaron noutros 253 ata situarse en 9.895, e increméntanse en todas as áreas salvo nas de Ourense e Santiago.