IniciosociedadeTomé insta a Feijóo a aclarar por que pecha Burela ou Viveiro...

Tomé insta a Feijóo a aclarar por que pecha Burela ou Viveiro con “peores datos” noutros concellos exentos

O presidente da Deputación denuncia que varios municipios sofren "un agravio comparativo" con respecto a outros "gobernados polo PP"

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/axencias. O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, o socialista José Tomé, instou este xoves ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a “explicar os motivos” polos que en determinados municipios da provincia, entre eles Viveiro e Burela, pecharase a hostalería e establecerase un confinamento perimetral desde a medianoite do venres ao sábado mentres outros, “onde goberna o PP” con “maiores datos de contaxios de Covid-19” non padecerán as mencionadas restricións.

Segundo explicara o Executivo galego, os municipios afectados correspóndense coas áreas das grandes cidades e con aqueles concellos, máis pequenos, cunha taxa acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes. Podes consultar nesta ligazón o total de termos municipais aos que afectará a normativa.

Tomé exemplificou para apoiar a súa crítica que “só a título de exemplo, Monforte pechou con 347 casos por 100.000 habitantes; Lugo, con 396 por 100.000; e Viveiro, con 252 positivos por 100.000 residentes; en cambio, (a Xunta) non pechou Cospeito, con 513 por 100.000 habitantes; Palas de Rei, con 473 casos; Cervo, con 591; nin O Incio, con 1.146 contaxios por cada 100.000 habitantes”.

“Isto indica un sesgo e un agravio comparativo entre uns concellos e outros que o presidente da Xunta debera explicar”, concluíu.

O PP ACUSA A TOMÉ DE “CONFRONTAR”: “EL NON É QUEN PARA FALAR DE DISCRIMINACIÓN”

Pola súa banda, o deputado popular Óscar Poy, sen rebater os datos expostos por Tomé, censurou o seu “tristísimo papel como presidente provincial no inicio da pandemia. Chegou tarde e pouco ou nada aprendeu en todos estes meses. Por iso mesmo, é atribuíble a que sabe que de novo está perdido na batalla fronte ao Covid-19, esta incontinencia verbal súa diante dos micros”, argumentou.

“Que Tomé fale de discriminación, de preferentismos despois do que xa está marcado a ferro na súa traxectoria ao fronte da Deputación; que despois de facer e desfacer segundo os propios caprichos, e da histórica constatación de que as máquinas da Deputación non pisan moitos dos concellos populares, as afirmación de Tomé só poden considerarse un insulto á intelixencia dos lucenses e ganas de buscar confrontación nun asunto, a crise sanitaria, na que todos debemos traballar unidos”, concluíu o deputado popular.

LLANO PIDE RESPONSABILIDADE Á POBOACIÓN ANTE UNHAS MEDIDAS “DURAS”

Pola súa banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, amosouse menos crítico e apelou á “actitude exemplar” dos seus veciños para conter os contaxios da covid-19 neste municipio da Mariña lucense que permanece en vermello no mapa da Xunta tras detectarse un total de 27 positivos.

O rexedor burelao lembrou que moitos destes contaxios “foron detectados hai tempo” polo que ha confiando en que, tras a corentena, saian “negativos”.

Llano lembrou o brote que a localidade padeceu o pasado mes de xullo e apelou á “actitude exemplar” mantida polos veciños naquel momento.

Así mesmo, explicou que manterá “reunións periódicas coas autoridades sanitarias” e que o Concello tamén tomará medidas de axudas para aquelas persoas confinadas”. “Espero en lograr resultados óptimos para volver a outra fase moito máis levadías”, expresou.

Sobre as novas restricións que afectan a Burela, como o peche desde as 00,00 horas do sábado de toda a hostalería, Llano recoñeceu que se tratan de “medidas duras” aínda que desliza que “non hai outra solución“.

“Son medidas duras que van repercutir na hostalaría, a restauración, pero penso que non hai outra solución que apelar á responsabilidade. Tamén o confinamento perimetral é unha medida dura pero si nos imos a sacrificar todo isto ten que ter un resultado óptimo senón non resolvemos nada”, conclúe.

LOUREIRO RECLAMA Á XUNTA AXUDAS PARA A HOSTALERÍA

Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, sinalou que “acata” a decisión da Xunta de Galicia “como acatamos as tomadas polo Goberno”, e lembra que o goberno local xa “pechou os parques infantís e baños públicos“, avanzando que “imos decretar tamén o peche da piscina municipal“, entre outras medidas.

Loureiro recoñece que “na última semana aumentou dunha forma importante o número de contaxiados”, ata a situación actual, na que “pasamos dos 42 positivos, e temos que concienciarnos”.

A rexedora viveirense admite que “o sector máis danado é a hostalería, xa o foi desde o primeiro momento. Entendemos e demandamos que xa que ese sector é castigado, considerado foco de contaxio, ten que resarcírselle. Temémonos que moitos non poidan abrir”, argumenta.

Desde o Concello viveirense lembran que xa sacaron “unha liña de axudas para os autónomos e negocios que tiveron que parar durante o estado de alarma, pero é certo que as nosas subvencións non poden estar ao nivel dunha Administración de maior tamaño. Esperamos que a Xunta axude ao sector e que o teña en conta”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...