IniciosociedadeVinte e un meses agardando pola cesión do antigo colexio de Celeiro,...

Vinte e un meses agardando pola cesión do antigo colexio de Celeiro, chave para a residencia de Aspanane

O Goberno ten por tramitar desde a primavera de 2019 a doazón do inmoble, primeiro paso para trasladar a escola oficial de idiomas e liberar espazos para a creación do novo servizo

Publicada o

- Advertisement -

O Partido Popular (PP) promoverá un acordo no Parlamento de Galicia polo que solicita ao Goberno do Estado que autorice, á maior brevidade posible, a cesión do antigo colexio de Celeiro para trasladar alí a Escola Oficial de Idiomas (EOI) desta localidade, a fin de avanzar nos trámites para un convenio a tres bandas que posibilite a creación dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual, a primeira da Mariña.

Os deputados autonómicos conservadores da comarca, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Daniel Vega, acompañados do portavoz e presidente do grupo municipal popular en Viveiro, Óscar Rodríguez, presentaron a directivos da asociación Aspanane esta iniciativa parlamentaria xa que este colectivo é un dos principais interesados en que se efectúe o traslado do centro de ensino de idiomas.

PENDENTE DESDE MARZO DE 2019

Os populares afondaron no asunto explicando que os espazos que a EOI deixe libres, emprazados na rúa Lavandeiras da localidade de Viveiro, poderán ser aproveitados por Aspanane para novos usos sociais, en concreto, a creación dunha residencia para persoas con discapacidade mental ou intelectual.

Precisamente estas dúas iniciativas –o traslado da Escola de Idiomas e o aproveitamento do actual espazo por Aspanane- foi o obxecto dun triplo acordo acadado entre Xunta de Galicia, Concello de Viveiro e Deputación de Lugo, e anunciado en marzo de 2019. Os deputados populares lembran que foi un exemplo “moi positivo” de colaboración entre Administracións.

Os populares explican que a iniciativa traería “múltiples vantaxes para todas as partes e para a cidadanía da comarca xa que logo, por unha banda, blindábase a continuidade deste centro público de idiomas na localidade, dispoñendo dunhas instalacións máis amplas e modernas e, en segundo lugar, o espazo que deixaría libre a escola faría viable estes novos usos residencias para Aspanane”.

O acordo incluía unha serie de obrigas para todas as partes: Xunta, Concello e Deputación comprometíanse a financiar a obra de acondicionamento do antigo colexio de Celeiro, hoxe sen uso educativo, de tal xeito que estas renovadas instalacións permitiran emprazar alí a EOI.

Os deputados do grupo popular no Parlamento galego sinalan tamén que, de levarse a cabo este proxecto, tal e como foi acordado, a escola de idiomas vería así duplicada a súa superficie ao pasar dos 659 metros cadrados útiles actuais a máis de 1.215 metros cadrados, distribuídos en dous plantas (baixa e alta) remodeladas na súa integridade e con melloras de accesibilidade e máis espazos.

PACTO ENTRE XUNTA, CONCELLO E DEPUTACIÓN

A Xunta tamén comprometíase a seguir financiando o sostemento do centro de aprendizaxe de idiomas, o seu persoal e recursos, para os que destina anualmente entorno a 600.000 euros. Blíndase así a continuidade da escola que na actualidade conta cun cadro docente de 11 profesionais e tres traballadores máis de servizos administrativos e limpeza.

Os deputados populares lembran tamén que para acadar este obxectivo, o Concello comprometíase a intermediar diante da Tesourería Xeral da Seguridade Social, actual propietaria do antigo colexio, para facilitar a súa cesión.

“Como froito dos primeiros contactos, a Xunta de Galicia trasladou xa a inicios deste ano un escrito ao Goberno estatal interesándose pola cesión ou doazón dos terreos e deste inmoble para retomar os seu uso educativo, como EOI. A pesar do tempo transcorrido, a Administración autonómica non obtivo resposta”, expoñen desde o PP.

SEN AVANCES

“Para o Grupo Parlamentario Popular resulta de vital importancia desenvolver o acordo acadado, tendo en conta as múltiples vantaxes descritas, para o que resulta imprescindible contar, á maior brevidade posible, a posta a disposición da Xunta das instalacións do vello colexio”, sinalou a formación conservadora.

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, admite que non hai avances no proceso aínda que salienta que “desde o Concello estamos a insistir na solicitude ao Goberno central desta cesión”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...