IniciosociedadeCasas abandonadas hai máis de 30 anos en Ourol renacerán como aldea...

Casas abandonadas hai máis de 30 anos en Ourol renacerán como aldea de turismo rural

Unha empresaria francesa aspira a inagurar no 2021 O Viso Ecovillage, un aloxamento con cinco habitacións, once apartamentos e restaurante vegano

Publicada o

- Advertisement -

Francesa de nacionalidade, nacida no norte de Italia e residente en Suíza durante doce anos, Pascale Claude Monique Huguette fincouse hai dous anos e medio no municipio de Ourol. Agarda botar raíces nun lugar que outros abandoaron hai máis de trinta anos. Nestes días segue cos preparativos de O Viso Ecovillage, a que sería a primeira aldea de turismo rural da provincia de Lugo.

O proxecto, cunha achega do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda de 200.000 euros -sobre un orzamento de algo máis de 620.000-, consiste na rehabilitación de catro edificacións tradicionais -casas e alpendres- que se atopan moi próximas, nunha mesma contorna. Están situadas no lugar do Viso, un núcleo rural pertencente ao municipio ourolés, onde se pretende instalar unha aldea de turismo rural cunha ampla superficie -un total de doce hectáreas– para realizar actividades diversas.

As intervencións están a realizarse da maneira máis respectuosa posible co conxunto orixinal. O establecemento, formado por varias edificacións, contará con cinco habitacións e once apartamentos, con zonas comúns, que incluirán cociña, salóns sociais, área de piscina e actividades; así como con un pequeno restaurante, que se especializará en comida vegana.

“HOUBO QUE TIRAR DE FOUCIÑO PARA SABER SE HABÍA MUROS”, EXPLICA PASCALE

A obra consta de dúas dúas fases. Unha parte da aldea estará rematada en xaneiro, coa intención de abrir antes de Semana Santa. A outra parte acabarase posiblemente no mes de xullo. Estímase unha antigüidade de todas as edificacións de arredor de cen anos, ainda que a maioría sufriron diversas reformas, sobre todo nos interiores. Atopábanse en moi mal estado e necesitaban reformas íntegras. O arranxo parte da premisa da sostibilidade ecolóxica, co respecto por materiais como a pedra ou a pizarra.

Huguette, que procede do mundo académico e universitario -é doutora en dirección de empresas- afronta a súa estrea no sector da hostalería e a restauración, relata que cando chegou ao lugar “non había nada, nin sequera se podía acceder ás casas. Houbo que tirar de fouciño para ver se polo menos había muros. Un dos edificios é a miña casa, mudeime aquí en marzo do 2018, para levar o mellor posible o proxecto, e aquí levo dous anos e medio. Buscaba espazo; vin con galgos, e era un sitio excelente para que poidesen correr”, explica.

Por que decidiu emprender aquí? “É un lugar que non foi valorado. O que vin é que, ademais de que é encantador, porque ata se ve o mar cando hai bo tempo, ou a montaña, hai unha tranquilidade incrible. A aldea está moi ben conectada, pero non escoitas o ruído da estrada. A pouca distancia hai un bosque de carballos, máxico. A fervenza de Xestosa está a 15 minutos camiñando. A idea é que a xente veña desconectar da cidade, do estrés”, resume.

UN MUSEO DA CULTURA RURAL GALEGA

Pero desconectar da urbe non significa non sintonizar con onde se poñen os pés, considera a empresaria, que aspira a dar a coñecer un pouco da cultura galega aos que se acheguen por O Viso Ecovillage. “Nos salóns sociais e no restaurante farase un museo ou exposición de distintos aspectos da vida rural de aquí, de Ourol e de Galicia, con varios temas. Un deles será a lareira, que será explicada con obxectos. Todo conectado coa realidade do territorio”, concreta.

UN FORNO, INTACTO

Huguette conta que chegou a falar con xente que residiu no lugar e que mora agora en Viveiro. Explicáronlle, afonda, “como se vivía na aldea, como se coidaba dos animais…”. E quedouse co que puido. Agora ten a intención de ensinar unha parte do legado dos que a precederon, dos antigos residentes. Expón que no restaurante “hai un forno moi ben conservado, practicamente intacto. Aproveitaremos para facer un taller de pan galego, de empanada. A idea é que os visitantes de fóra poidan coñecer a cultura popular galega, e amala, como eu namorei deste sitio”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...