O BNG pide a intervención da residencia de Cervo e o Concello acúsao de facer “política”

O Bloque ve "neglixente" a xestión de Mensajeros de la Paz, con cinco falecementos e 49 contaxios; Sergas e goberno local "xa están a intervir", di a edil de Servizos Sociais

Traballos de sectorización e desinfección da residencia de Cervo, no pasado mes de abril. AXM

O BNG reclama ao goberno municipal de Cervo e á Xunta de Galicia “accións que permitan frear o avance do Covid-19 na residencia e centro de día de San Cibrao,” onde cinco usuarios do servizo faleceron nas últimas semanas por mor dun brote que afecta aínda a preto de medio centenar de persoas, entre residentes e traballadoras. O grupo municipal nacionalista considera que, “ante a demostrada incapacidade da empresa Mensajeros de la Paz que xestiona por concesión o centro, este debería ser intervido con urxencia pola Administración pública para evitar o seu colapso e o avance continuado e fulgurante da pandemia”.

Os concelleiros nacionalistas Diego Fernández e Xorxe Caldeiro lembraron que neste centro con capacidade para 53 prazas residentes, 40 residentes -incluídos os cinco falecidos- infectáronse do virus, ademais de 14 das 23 traballadoras do cadro de persoal.

“Esta situación está a provocar graves problemas operativos a aquelas operarias que seguen en activo, así como dificultades para cubrir as baixas nun contexto no que ademais da inxente carga de traballo hai que engadir o estrés, e mesmo o medo a traballar co centro de traballo baixo estas circunstancias”, expoñen os edís nacionalistas, que “lamentan fondamente” os decesos e “entenden a preocupación das familias“, polo que trasladan o seu “apoio”.

Desde o BNG reclaman así “ao goberno municipal de Cervo e á Xunta de Galiza a urxente intervención pública do centro para intentar evitar o seu colapso, reverter a escalada do virus e garantir os mellores coidados as persoas residentes, así como condicións laborais salubres ás traballadoras”.

CRITICA QUE O CONCELLO RENOVASE A CONCESIÓN DO SERVIZO

Para a formación nacionalista “a xestión de Mensajeros de la Paz demostrou neglixencia para evitar a propagación do virus entre persoas usuarias e traballadoras, ineptitude e ausencia de empatía na relación coas familias das persoas internas que en moitos casos coñeceron pola prensa a situación do centro entre os días 29 e 30 de outubro, e incapacidade para garantir o traballo seguro do seu persoal laboral, evitar o seu contaxio, e manter o número suficiente para asumir a elevadísima carga de traballo existente na actualidade”.

Os concelleiros nacionalistas conclúen que “é o momento de actuar para evitar máis contaxios”, pero avanzan que “esixiran explicacións e se fora o caso responsabilidades“, dado que entenden que “o goberno municipal ten obriga de velar polo seu bo funcionamento. A xestión de Mensajeros de la Paz deixa moito que desexar hai moito tempo, e a pesar disto o Concello renovou a concesión no pasado mes de xullo”, remataron.

ARMADA RECLAMA “LEALDADE INSTITUCIONAL” E CONSIDERA QUE “NON SE PODE CULPAR A NINGUÉN” DA SITUACIÓN

A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, amosou no nome do Concello de Cervo a súa “sorpresa” ante as declaracións realizadas polos voceiros do BNG, a quenes acusou de “facer política cun tema tan sensible como o Covid-19 que lamentablemente estamos a sufrir nestes días con gran virulencia no centro de día-residencia” de San Cibrao.

Armada argumenta que “desde o minuto un se está a facer unha intervención pública tendo en conta que tanto desde o Sergas como desde o Concello de Cervo estamos a colaborar, intervir e facer un seguimento continuo da evolución da situación”, da que “resulta inconcibible culpar a ninguén”.

A edil, que expresou as súas condolencias aos seres queridos dos falecidos, pediulle ao BNG que “volva á senda da lealdade institucional” englobando a situación do xeriátrico de San Cibrao “nun problema de alcance mundial. Todos -veciñanza, persoas usuarias, familias, traballadores, políticos- debemos remar na mesma dirección apoiando aos afectados que realmente o está a pasar moi mal”, dixo.

2 COMMENTS

  1. Isto da intervención e como o dos rastreadores. O conselleiro García di: “definame rastreador”.
    Até a residencia de Cervo van tódolos días, sábados e domingos tamén, dende hai unha semana, un médico e unha enfermeira do hospital de Burela.
    O sergas non fala disto. Xa o insinúa o PP de Cervo: todos “intervimos” , claro falta por definir ” intervención”, a ver se vai ser que xa está intervida….

  2. Se atendemos ao publicado no BOE de 19 de marzo(descoñezo se ten validez neste momento) sobre o que significa a intervención pública dun centro socio-sanitario como é o caso do CDR de San Cibrao, aparte da medicalización do centro, que se está facendo “a medias”, 1 funcionari@ público pode pasar a dirixir o centro e ditar todas aquelas normas organizativas mesmo, o reforzo de persoal público se fora preciso, para garantir o coidado das persoas residentes. Nada disto se está facendo en Ssn Cibrao, sobre a “intervención” da que fala a concelleira de servizos sociais de Cervo, coñecéndoa, mellor que non existira.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here