O ciclo de charlas médicas de Foz, organizado polo Concello e polo Hospital Público da Mariña, desenvolverase os xoves 12, 19 e 26 deste mes ás 20.00 horas na casa da cultura focega, con aforamento limitado. Na primeira o doutor José Manuel Suárez Lorenzo, especialista en medicina preventiva, falará de cómo enfrontarse ao Covid-19.
Na seguinte charla o traumatólogo Roi Castro Muñoz ocuparase da osteoporose en homes e mulleres. Na terceira, a médica de urxencias Úrsula González Martos falará das enfermidades cardiovasculares e das actuacións en caso de infarto.
Na presentación do ciclo, que tivo lugar este mediodía, o alcalde focego, Fran Cajoto, deulle as grazas á xerente do Hospital Público da Mariña, María José Cortés, “por participar activamente xa desde hai moitos anos o centro hospitalario nestas charlas médicas que se programan en novembro e tamén por atendernos sempre tan ben por vía telefónica nuns momentos que son complicados e que nos transmite tranquilidade aos alcaldes”.
“Nuns momentos como os que estamos a vivir, programar información para todos os cidadáns sobre como enfrontarse ao Covid-19 é fundamental porque temos aínda moitas dúbidas sobre como actuar e seguro que nos van trasladar esa información real e veraz”, explicou Cajoto, que engadiu que “confiamos nos profesionais sanitarios para capear a crise que estamos a pasar”.
Cortés, pola súa banda, explicou que “para o hospital sempre é un motivo de alegría que se conte con nós para facer xornadas divulgativas e preventivas, que é unha parte esencial do traballo dos sanitarios: o previr as enfermidades. Este ano a axenda loxicamente ven marcada polo coronavirus e polo tanto non podía ser doutra maneira que unha charla fose dedicada a este problema en particular”, argumentou.
O AFORAMENTO, AO 50%
Finalmente, o concelleiro Chema Linares, comentou que “a situación é moi difícil e valorouse non facer as charlas ou pospoñelas, pero consideramos que certas actividades culturais, lúdicas ou didácticas axudan á saúde mental, dada a situación de anguria que vive boa parte da poboación”.
Linares explicou que o aforamento estará limitado “ao 50% salvo que se modifiquen as circunstancias”, coa obriga de usar máscara e manter a distancia de seguridade. “Disporemos de xel hidroalcólico á entrada e realizarase a correspondente ventilación do local”, rematou.