O municipio de Viveiro saíu este luns da alerta laranxa por coronavirus, segundo o criterio do mapa epidemiolóxico do Servizo Galego de Saúde (Sergas). O Concello viveirense acumulou, de acordo cos datos proporcionados pola Consellería de Sanidade, entre 7 e 14 positivos novos na última semana, polo que se sitúa en nivel 1, o grao de advertencia de menor intensidade. Nesta mesma situación atópanse Xove, Cervo, Burela, Foz e Ribadeo. Nos restantes termos municipais da Mariña Lucense confirmáronse menos de sete contaxios nos últimos sete días.
No tocante aos casos activos de Covid-19 a nivel provincial, baixan a 1.042, 20 menos ca onte. O elevado número de altas equilibra os novos positivos confirmados desde a anterior actualización, un total de 72. Na pasada xornada produciuse un falecemento, o dun home de 93 anos, que permanecía hospitalizado no HULA.
Dos 1.042 contaxiados, 59 permanecen ingresados, dous máis ca onte. O Hospital Público da Mariña atende trece pacientes con Covid-19, por 40 do HULA -entre eles os cinco da área sanitaria lucense que precisan de coidados intensivos– e seis o centro hospitalario de Monforte.
No histórico da provincia documéntanse 110 mortes, 4.275 altas e 5.427 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 92.669 PCR, o que implica que na última xornada efectuáronse 943 probas.
BAIXAN OS CASOS ACTIVOS EN GALICIA A 9.110
A nivel galego, os casos activos son 9.110, 188 menos ca onte, aínda que se localizaron 442 positivos novos nas últimas 24 horas. Hai 500 persoas ingresadas en planta e outras 110 nas Unidades de Coidados Intensivos de Galicia. O número de falecidos desde o inicio da pandemia é de 1.069, con 35.628 altas e 45.806 contaxiados desde o inicio da pandemia.