Seis traballadores da ambulancia medicalizada de Foz dan positivo por Covid-19

Fontes do 061 confirman o brote na base da Mariña, que implicou a corentena doutros tres operarios por seren contactos de contaxiados, e anuncian a "substitución inmediata" do persoal

Ambulancia medicalizada. AXM

Seis traballadores deron positivo por coronavirus na base da ambulancia medicalizada do 061 en Foz, na provincia de Lugo. Trátase de médicos, enfermeiros e técnicos en emerxencias sanitarias (TES) que padecen os síntomas habituais da Covid-19 e permanecen illados, aínda que en principio o seu estado de saúde non comporta gravidade.

Fontes da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaron este brote con seis persoas afectadas, que tamén implicou a outros tres traballadores que agora gardan a correspondente corentena por manter contacto estreito cun positivo por Covid-19.

As mesmas fontes subliñaron que o 061 “garante a asistencia” ás urxencias sanitarias na área de referencia da base medicalizada de Foz, así como no resto da comunidade. Neste sentido, asegurou a “substitución inmediata” do persoal asistencial nos casos nos que resulte necesario illar a algúns traballadores como consecuencia do coronavirus.

As probas PCR realizáronse o pasado sábado e os positivos foron confirmados na tarde do domingo. Prevese que a mediados da vindeira semana se poidan realizar novas análises a fin de obter resultados negativos que lles permitan reincorporarse aos seus postos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here