Os deputados do Partido Popular (PP) no Congreso dos Deputados –Jaime De Olano e Joaquín García Díez-, os senadores por Lugo –José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela– e a presidenta provincial da formación conservadora –Elena Candia-, propoñen corrixir o “agravio” do Goberno á provincia, incrementando os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) en máis de 44 millóns de euros.
Os populares sinalan que “están en xogo infraestruturas básicas para o desenvolvemento do noso territorio”, advirten.
Para os representantes do PP lucense nas Cámaras alta e baixa e a dirección provincial son uns PGE que “frean o futuro socioeconómico da provincia. Non nos serven e por isto presentamos partidas específicas para actuacións específicas“, afirman.
Os populares ven “unha necesidade” darlle continuidade “á autovía da Mariña lucense, a A-74. Este investimento supón a mellora de comunicacións na comarca e dar servizo a unha das maiores zonas produtoras de madeira, con portos pesqueiros de referencia, un porto de interese xeral do Estado e unha multinacional do aluminio”. Deste xeito, de forma nominativa, reclaman “para os treitos San Cibrao-Burela, 2.599.000 euros; para o de Foz-Burela, 2.859.000; para o de Foz-O Carme 700.000 euros e para o treito O Carme-Barreiros 700.000 euros”.
Ademais, solicitan unha partida de 2.500.000 euros para a renovación da liña Vegadeo-Ferrol, que afecta ás provincias de Lugo e da Coruña, e para a que non se prevé investimento. O tren foi sistematicamente esquecido polos Gobernos centrais, tamén polo popular, que no 2017 destinou 15.000 euros ao tramo mariñao.
CRITICA O “AUMENTO DA FISCALIDADE”
Os populares censuran o “incremento da fiscalidade, que repercutirá negativamente no poder adquisitivo da poboación lucense”, en alusión aos aumentos no imposto do gasóleo (que aumentará en catro céntimos) ou da taxa de prima de seguros (do 6 ao 8%), entre outros.
“Non só nos recortan nas infraestruturas senón que asfixiarán ao 99% da poboación lucense, xa que quen nesta provincia non ten un seguro de vivenda ou un vehículo para desprazarse, por exemplo”, pregúntanse os conservadores.