Iniciosociedade25-N: A agarda das vítimas de violencia de xénero da Mariña por...

25-N: A agarda das vítimas de violencia de xénero da Mariña por unha sala de espera para denunciar

Trala denuncia dos funcionarios do Xulgado número 2 de Viveiro, Rueda comprometeu habilitar un espazo para "finais" de 2019, pero vén de rematar a primeira parte das obras

Publicada o

- Advertisement -

A mediados do mes de abril de 2019, funcionarios de Xustiza revelaban o espazo no que as vítimas do machismo de sete municipios da Mariña debían agardar para denunciar os seus agresores. O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro, coas competencias en Violencia sobre a Muller, ofrecía pouco máis ca “un zulo”, unha sala repleta de documentos e mobiliario vello e suxo. Máis de ano e medio despois, estas mulleres seguen esperando na mesma estancia, iso si, máis libre de papeis. A Xunta de Galicia prometeu unha sala que atendese esa problemática “antes do final” dese mesmo exercicio; a poucos días para o 25-N vaise cumprir un ano desa data comprometida sen que o Goberno autonómico solventase a carencia.

Na súa denuncia pública, os traballadores, Marco López e David Díaz, expuñan que un infrautilizado despacho da fiscalía -o ministerio fiscal ten a sé en Mondoñedo– reorganizado como arquivo da sección civil ante a falta de espazo, era o único lugar habilitado como dependencia para acubillar ás vítimas de violencia machista que van denunciar os seus maltratadores. Son mulleres de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz, dunha poboación de 48.000 habitantes.

POR COMODIDATE E ANONIMATO

Daquela reclamaban que estas mulleres precisan dispor dun espazo propio que lles ofreza anonimato para evitar a súa exposición pública nos corredores do xulgado e así impedir que se poidan ver intimidadas polo seu agresor, ademais de poder ter unha certa comodidade, pois a tramitación dunha denuncia pode levar varias horas.

A solución estaba ao alcance, dado que para mellorar os espazos, o Concello de Viveiro -despois dun acordo plenario- ofrecera á Xunta a finais de 2015 a cesión a planta baixa e parte do primeiro andar do edificio anexo ao dos xulgados, onde se atopaba anteriormente a biblioteca municipal. Trala denuncia dos funcionarios, e interpelado en maio de 2019 no Parlamento de Galicia pola deputada socialista Patricia Otero, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comprometeu a mencionada sala “nos vindeiros meses”, “ese mesmo ano”.

Non se trataba dunha medida ad hoc, segundo a intervención do vicepresidente da Xunta, dado que Rueda anunciou salas de agarda para vítimas de violencia de xénero nun total de 36 xulgados galegos no prazo de tres anos, doce por anualidade ata 2021, recoñecendo en certo modo a carencia deste tipo de instalacións. É, ao contrario, unha situación que se repite, un detalle con importancia que amosa os moitos furados que quedan aínda por cubrir na loita contra o machismo.

QUEDA PENDENTE O TRASLADO DO ARQUIVO E O ACONDICIONAMENTO DA ESTANCIA

O 27 de decembro de 2019, xa pasada a data comprometida, a Xunta anunciaba, nun acto institucional, e xa co convenio de cesión tramitado, o traslado do arquivo xudicial ao novo edificio, o que liberaría de espazo as dependencias do Xulgado número 2 a fin de que se poidese habilitar a mencionada sala.

Case un ano despois, as mulleres continúan agardando no mesmo espazo, a última hai apenas uns días. A semana pasada rematou a obra para acondicionar o edificio anexo onde ubicar os arquivos do Xulgado número 2 -tamén, máis adiante, os do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1-, actuación durante a que se procedeu ademais á dixitalización do sistema de arquivamento. Queda pendente o traslado ao inmoble contiguo da inxente cantidade de material, e tamén o acondicionamento da sala, que en principio sería a que neste momento alberga a documentación do eido civil.

Por agora, o Xulgado non recibiu comunicación de cando comezará esta segunda parte do proxecto.

MESA LOCAL

O vindeiro 27 de novembro reúnese de novo a Mesa Local Contra a Violencia de Xénero. Os traballadores solicitarán a través dun rogo que o organismo, con representación do goberno municipal, do Executivo central e da secretaría xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, requira formalmente á Consellería de Xustiza que indique cando se van comezar as obras para habilitar a sala que, dunha vez por todas, acolla con dignidade ás vítimas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...