IniciosociedadeLoureiro espera "falar de levantar as restricións" a semana que vén e...

Loureiro espera “falar de levantar as restricións” a semana que vén e Cajoto avisa sobre “festas privadas”

A alcaldesa afirma que a Xunta valora a evolución de Viveiro, con 35 positivos e 160 casos por 100.000 habitantes; o rexedor de Foz pide "compromiso" para "un decembro tranquilo"

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, concretou este venres que o número de casos activos de coronavirus no municipio é de 35, despois de que no día de onte non se rexistrase ningún positivo novo.

Segundo expuxo a alcaldesa, o responsable da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, asegurou que o comité clínico da Xunta de Galicia valorou este venres “a boa evolución” do municipio no tocante á situación epidemiolóxica, aínda que por agora Viveiro e Burela seguirán alomenos ata o vindeiro martes coas restricións que padecen -o confinamento perimetral e o peche da hostalería- desde o pasado 6 de novembro.

En concreto, a incidencia de contaxiados nunha proxección para 100.000 habitantes é en Viveiro de “160 nos últimos 14 días, cando hai tres semanas era de 190”. O municipio está en alerta amarela no mapa epidemiolóxico da Covid-19 da Xunta.

Deste xeito, afirmou Loureiro, “se non hai ningún gromo nos vindeiros días, poderíase falar de levantar as restricións que ten Viveiro a partir da próxima semana”. A alcaldesa expón “que sabemos que o virus é imprevisible, pero se a evolución se mantén favorable e seguimos na boa liña gustaríanos que se levantase algunha das medidas antes de decembro”.

O REXEDOR DE FOZ PIDE CONSUMIR NO COMERCIO LOCAL

Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, pediu aos veciños do municipio que actúen “coa máxima responsabilidade” para evitar novos contaxios de Covid-19 e así tentar “ter un mes de decembro o máis tranquilo posible” e que sexa positivo para o comercio e a hostalería local.

Foz permanece en alerta laranxa, con entre 14 e 21 positivos novos na última semana.
“Estamos fondamente preocupados, tanto pola situación sanitaria, porque evidentemente sabemos as consecuencias que pode chegar a ter unha infección por Covid-19, como pola repercusión económica. O concello veciño de Burela está coa hostalería pechada, coas perdas que iso conleva, durante varias semanas. Iso é o que non queremos para Foz”, explica o rexedor municipal.

Cajoto pide deste xeito “a todas e a todos que extremen as precaucións e que na nosa vida privada, no noso comportamento individual, sexamos o máis responsables posible. Hai que evitar xuntanzas con non conviventes nos pisos, non se debe facer ningún tipo de festa privada. Sabemos que hai prácticas que conlevan contaxios e isto ao final ocasiona peches de negocios e perdas económicas moi graves”, remarcou.

O alcalde focego convidou á veciñanza a mercar de cara ao Nadal no comercio local. “Ante unhas datas nas que aumentan as compras temos que evitar as plataformas dixitais e apostar polos nosos veciños. Iso implica tamén unha actuación responsable na nosa vida individual para que non se vexan abocados a pechar as súas portas por unha onda de contaxios no noso concello. Así que pedimos responsabilidade e compromiso de todos”, concluíu.

SUÁREZ BARCIA CELEBRA O NIVEL VERDE DE RIBADEO PERO ALERTA: “DE CADA UN DEPENDE A SAÚDE”

Por último, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, destacou que o municipio volveu este venres ao nivel verde. “De todos e cada un de nós dependen o Nadal, o inverno, a saúde… Todo”, argumentou.

O rexedor comentou que “segundo os datos que hoxe publica a Consellería de Sanidade, Ribadeo volve ao nivel verde. Desde logo que é algo positivo, pero nesta montaña rusa de contaxios na que vivimos, temos que seguir tendo moitísima precaución e seguir actuando de acordo coas recomendacións sanitarias”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...