IniciosociedadeA Deputación conxelará os soldos do goberno e destinará ao emprego o...

A Deputación conxelará os soldos do goberno e destinará ao emprego o 10% dos orzamentos, de 92,5 millóns

As contas do bipartito no goberno provincial irán a pleno o 30 de novembro; malia que a contía do Plan Único está por definir, a previsión é que supere os 21 millóns de euros

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, anunciou que os Orzamentos da institución provincial para o ano 2021 ascenden a 92,5 millóns, cun incremento dun punto sobre as contas do presente exercicio. As contas “contribúen a paliar os efectos da pandemia e axudan á reactivación da provincia desde o punto de vista social e económico, dobrando os recursos para o mantemento e a creación de emprego”, salientou.

Tomé compareceu esta mañá no salón de actos do Pazo de San Marcos xunto á vicepresidenta, a nacionalista Maite Ferreiro Tallón, e á deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, a tamén socialista Mayra García Bermúdez, para presentar os presupostos do vindeiro ano, que serán debatidos nun pleno extraordinario o 30 de novembro e previsiblemente aprobados dada a maioría coa que conta o goberno bipartito.

“Estes orzamentos ofrecen, en tempos de incerteza, rigor e confianza, porque serán efectivos a principios de ano”, argumentou Tomé, “e polas medidas e políticas que recollen”. Ferreiro subliñou tamén a “importancia” de “ter elaborados os orzamentos en tempo e forma para comezar a traballar no inicio do 2021 con estes recursos, dirixidos a dar resposta ás necesidades dos concellos e do tecido económico, social e cultural da provincia ante a crise económica e social provocada pola Covid-19″.

En canto ás medidas, o presidente do goberno provincial destacou a conxelación dos soldos dos membros da corporación provincial no ano 2021. “Neste momento de crise social e económica, na que o está a pasar moi mal tanta xente, é o que debemos facer os representantes políticos, que somos persoas con vocación de servizo público por riba de todo”, valorou.

CREACIÓN DE EMPREGO

No tocante ao mantemento e a creación de emprego, Tomé explicou que para o ano 2021 a Deputación duplica os recursos, chegando aos nove millóns, dos que cinco están contemplados nos orzamentos e catro proceden de fondos que o Goberno captou da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Estes recursos dedicaranse a axudas para a contratación de persoas desempregadas, ao apoio ao emprendemento e a plans de formación, e tamén a plans de transformación dixital e de mellora da competitividade de PEMES e autónomos, ben de xeito directo, ou ben a través da cooperación cos Concellos ou co propio tecido produtivo. Estarán destinados, ademais, “para os colectivos máis vulnerables e para os sectores económicos máis afectados pola crise da pandemia, así como para diversificar o sector primario”, asegurou Tomé.

RESIDENCIAS

No tocante a servizos como benestar, igualdade, cultura, deportes, mocidade ou educación, o Goberno destina en conxunto 30 millóns, un terzo do total do orzamento, segundo explicou o responsable do goberno provincial, que indicou que “seguimos, un ano máis, asumindo competencias que debería desenvolver a Xunta de Galicia, que parece esquecer ás obrigas que lle fixa o Estatuto de Autonomía“.

Así, destacou que se destinarán oito millóns de euros á posta en marcha de centros de atención a maiores. “A previsión é que o vindeiro ano estean en funcionamento Castroverde, Pedrafita, Meira e Navia de Suarna, co cal a Deputación duplicará o número de centros abertos, pasando de catro a oito, co que creará case 190 prazas asistenciais e 100 empregos directos no rural”, prognosticou, poñendo en valor “o modelo público, de proximidade e de calidade” destas residencias, “que pon no centro ás persoas, e non ao negocio”.

SECTOR PRIMARIO E TURISMO

Con respecto aos sectores produtivos “estratéxicos”, Tomé destacou que a pegada da Covid-19 “validou a nosa aposta” polo sector primario e o turismo como “actividades económicas estratéxicas” na provincia, co que nos orzamentos do 2021 aumentan os recursos para accións enfocadas ao eido agrogandeiro, forestal e do mar nun 13%, ata os 2,3 millóns, e para a actividade turística nun 10%, ata chegar aos 3 millóns”.

En canto ó sector primario, “seguiremos promovendo a diversificación da produción, xerar valor engadido e contribuír á viabilidade e rendibilidade da actividade agrogandeira, forestal e do mar, con proxectos como os da Granxa Gayoso Castro ou o de Tor, pero tamén con outras colaboracións directas co tecido produtivo a través de programas concretos e axudas”, sinalou.

Con respecto ao turismo, como novidades, destacou a posta en marcha de dúas novas liñas de actuación: por unha parte, un programa para o fomento do turismo interior, con rutas ou actividades que se poidan facer nun tempo curto e que “potencien entre os propios lucenses o coñecemento e o aproveitamento da ampla oferta da provincia”, e, por outra, un plan de promoción dos produtos artesáns de proximidade, “como unha maneira de favorecer a actividade produtiva neste sector, importante dun xeito especial para o rural”.

No ámbito do turismo, engadiu José Tomé, outra das accións importantes son as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, “un servizo ao que destinamos máis de 700.000 euros, sobre todo no ano no que, con seguridade, este territorio será declarado Patrimonio da Humanidade e que avanza tamén cara o recoñecemento como Reserva da Biosfera”.

COOPERACIÓN COS CONCELLOS E FONDOS PARA ESTRADAS

O Plan Único, como “principal instrumento de cooperación” da entidade cos Concellos, estará dotado con 11 millóns no Orzamento, que se elevarán ata superar os 21,3 millóns coa incorporación de remanentes, como se veu facendo ata agora.

Tomé incidiu en que este programa fai “un reparto transparente e obxectivo dos fondos públicos da Deputación entre todos os Concellos, de todas as cores políticas, dándolles autonomía para utilizalos segundo as súas características e necesidades”, mentres a Xunta de Galicia segue “sen cambiar a súa política de distribución discrecional de fondos públicos”.

Unha vez tramitada a proposta de orzamentos, o goberno provincial terá que definir a contía final do Plan Único de Cooperación cos Concellos, “un elemento central na nosa concepción das Deputacións porque garante a obxectividade no reparto dos fondos e respecta a autonomía dos concellos á hora de decidir os seus investimentos”, explicou Ferreiro, que recordou o compromiso adquirido no pacto de goberno de “incrementar a súa dotación de forma progresiva, ata o 5% ao final da lexislatura”.

No tocante aos fondos para estradas, soben un 14% ata superar os 16 millóns, para “desbroce, conservación e mellora da rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta en Lugo”.

CULTURA, O 7,5% DO ORZAMENTO

Os fondos destinados a cultura supoñen un 7,5 por cento do orzamento para 2021, “unha cifra que toma especial relevancia neste momento xa que é, canda a hostelería ou o comercio, un dos sectores que máis está a sufrir o impacto económico da pandemia”, sinalou Ferreiro. A área destinará algo máis dun millón de euros a axudas directas ao tecido asociativo. Ademais, acometeranse distintas actuacións de mellora dos museos da rede provincial.

CASE TRES MILLÓNS PARA CLUBS E DEPORTISTAS

Deportes mobilizará 2,8 millóns de euros en axudas a clubs e deportistas, que tamén están a acusar os paróns e restricións da actividade competitiva por mor da Covid-19. Maite Ferreiro explicou que se manterán as axudas de concorrencia, dirixidas fundamentalmente ao deporte base, e que se manterá o apoio aos clubs de primeiras e segundas divisións estatais.

PARTIDA ESPECÍFICA PARA MEMORIA HISTÓRICA

Ademais, subliñou que “a área de Medio Rural e Mar incrementa nun 50 por cento o seu orzamento de cara ao 2021 para reforzar as liñas nas que ven traballando desde a súa creación no inicio desta lexislatura, moi centradas na promoción do tecido produtivo, na sostenibilidade  e no apoio a iniciativas que apostan pola fixación de poboación no rural”, e que os orzamentos de 2021 incorporan unha partida específica para Memoria Histórica, un epígrafe “que ata agora non se contemplara na estrutura orzamentaria a pesar de que a lei insta ás Administracións locais a colaboraren na procura de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición en relación co golpe de Estado do 36 e da ditadura franquista”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...