Aumenta a presión asistencial por Covid-19 no Hospital da Mariña, con once ingresados

En Burela confirmáronse 35 positivos nos últimos 14 días, por 18 en Viveiro, 24 en Foz e dez en Ribadeo; en Cervo documentáronse 15 e en Xove 11 nese mesmo prazo

Hospital da Mariña. AXM

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 1.108, once máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse un total de 60 positivos novos.

Dos 1.108 contaxiados, 47 permanecen ingresados, un menos ca onte. O Hospital Público da Mariña atende once pacientes con Covid-19, tres máis ca na anterior actualización, mentres que o HULA coida de 29 -entre eles os sete da área sanitaria que requiren de coidados intensivos- e o centro hospitalario de Monforte de sete.

No histórico da provincia documéntanse 117 falecementos, 4.763 altas e 5.988 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 98.774 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 723 probas, cunha porcentaxe de resultados positivos do 8,3%.

SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA POR MUNICIPIO

No tocante á situación epidemiolóxica, Viveiro acumulou 18 positivos novos nos últimos 14 días, cunha taxa de incidencia acumulada menor aos 150 positivos por 100.000 habitantes; en Burela, o outro municipio da Mariña que permanece confinado perimetralmente e coa hostalería pechada desde o pasado 6 de novembro, confirmáronse 35, por riba dos 250 casos por 100.000 residentes, boa parte deles debido ao buque illado Adviento Uno. Este martes reúnese de novo o comité clínico da Xunta de Galicia.

En Foz localizáronse 24 positivos novos nas últimas dúas semanas, por 15 en Cervo –onde hai un brote de importancia na residencia– e 11 en Xove. En Ribadeo a cifra baixa a dez. O Vicedo, Riotorto e Ourol seguen polo momento libres de Covid-19.

Con entre un e nove casos novos nese mesmo prazo sitúanse O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, Trabada e A Pontenova.

GALICIA

A nivel galego, Sanidade reduciu en máis de 1.600 as PCR realizadas e comunicou 327 contaxios nun día. Le a información completa no Galicia Confidencial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here