InicioEconomíaVidal Martínez-Sierra: "á Mariña fáltalle planificar pensando en comarca"

Vidal Martínez-Sierra: “á Mariña fáltalle planificar pensando en comarca”

O presidente do GDR Terras de Miranda destaca a necesidade, nun contexto de crise pola Covid-19, de apostar por un turismo "que tire do sector primario" e "non altere o noso modo de vida"

Publicada o

- Advertisement -

Vidal Martínez-Sierra é o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, unha entidade sen ánimo de lucro que engloba a distintos axentes económicos e sociais da comarca da Mariña, a fin de realizar accións para potenciar a bisbarra. A asociación, en colaboración con Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), xestionou a medida Leader de Galicia 2014-2020, patrocinando a partir de fondos europeos varios proxectos, tanto públicos como privados, coa intención de dinamizar o tecido socioeconómico da comarca.

Cal é o papel do GDR Terras de Miranda?

Desde o GDR traballamos intensamente na creación de comarca, non só como marca senón como realidade social, cultural e económica. Creo que queda moito por facer, pero estamos a facer un papel de enlace entre as Administracións públicas e a iniciativa privada. Somos un punto de encontro, xa que dentro da directiva están practicamente todos os Concellos, e ese foro considero que é básico. Buscamos que se deixen á parte os localismos, potenciar unha visión comarcal da que por veces estamos algo carentes na Mariña.

DESPOBOAMENTO

Cales son os obxectivos básicos do Grupo de Desenvolvemento Rural?

O obxectivo básico que temos no GDR é loitar contra o abandono do rural. Como o tentamos? Cun elemento esencial que é o mantemento e a creación de postos de traballo. Para nós é a clave para fixar poboación, por iso é un dos principais factores que se puntúa á hora de avaliar os proxectos que se presentan.

“a mariña sempre é unha das comarcas que máis solicitudes ten para o leader. iso fala do noso dinamismo”

Que importancia concede ao programa Leader á hora de dinamizar a bisbarra?

Parécenos moi importante, especialmente pola filosofía Leader, plantexada de abaixo a arriba, tal e como a concibe Europa. É unha forma de achegar ao administrado aos órganos de Administración e aos fondos públicos, que en momentos de crise son fundamentais para potenciar a iniciativa privada e tamén para aqueles que agora mesmo o están pasando mal. O número de proxectos que nos quedou en reserva é alto, somos dos que máis solicitudes recibimos, e iso dános unha idea do dinámica que é esta comarca. Lamentablemente temos unha menor dispoñibilidade de fondos do que nos gustaría, porque os que temos non chegan. Sería interesante ter máis porque nesta situación de crise e de falta de emprego sería importante apostar claramente polos GDR.

“PARA FIXAR POBOACIÓN É CHAVE O EMPREGO E POR ISO SEMPRE É UN DOS ASPECTOS QUE MÁIS SE AVALÍAN DOS PROXECTOS”

“DE ABAIXO A ARRIBA”

Destaca a filosofía “de abaixo arriba”.

Cando presentamos a candidatura para xestionar o GDR, fixemos un traballo previo para saber por onde queriamos tirar. Das mesas sectoriais realizadas saíu unha estratexia cuxo eixo vertebrador foi o turismo sostible e experiencial, unha actividade turística que tirase do resto dos sectores, especialmente que apoiase ao sector primario. Pensamos que é a maneira de soster o noso modelo de vida tradicional.

Deste xeito, unha parte representativa da sociedade da Mariña decidiu por onde deberamos tirar alomenos durante este período do programa Leader (2014-2020). Isto é cambiante; sabemos que vai haber un novo no 2023, e loxicamente teremos que revisar cousas. Pero a idea é a mesma: consultar a sociedade mariñá para ver que facer porque ademais as condicións son cambiantes, con esta crise que nos toca vivir. É a mellor maneira de que a xente poida ser, en maior ou menor medida, partícipe do que pode ser o seu futuro.

Menciona a crise, que é un tema que semella inevitable. Nun contexto como o sanitario, e coas dificultades económicas que se prevén, que importancia ten para A Mariña desenvolver unha conciencia de comarca?

Penso que é básico. Pecamos de localismos, falta unha certa unidade, e temos que planificar pensando en comarca. Fáltanos un sistema de transporte comarcal; agora mesmo é imposible ir desde Lourenzá a Viveiro a través dunha rede pública. Iso indica que falta unha visión, e prexudícanos á hora de presentar ante as Administracións proxectos para unha serie de vías que articulen a comarca. É esencial traballar nesa liña. Os Concellos teñen o seu papel, por suposto, pero a bisbarra ten que ser a suma de todos.

“o futuro será rural ou non será. a aposta das administracións polos asentamentos urbanos masificados fracasou”

O RURAL ANTE A CRISE

Insistindo na crise, cal pode ser o papel do rural e como poden afectarlle os cambios á Mariña?

A crise sanitaria evidenciou que o modelo de ocupación territorial é un erro: a aposta das Administracións polos asentamentos urbanos masificados é un fracaso, penso que iso está claro. Baixo o meu punto de vista, o futuro será rural ou non será. E esta frase, que se repite moito, espero que cale nos políticos, en quenes teñen a capacidade de xestión, porque ao meu entender predomina en exceso unha mentalidade urbanita. A xente das cidades decide o futuro do rural, e iso non debe ser así. Hai xente que está a reflexionar sobre este modo de vida, pero penso que hai matizar unha cousa: as persoas que están marchando vivir ás aldeas fano escapando e fuxindo dunha pandemia. Non veñen cunha mentalidade de acoplarse ao rural, senón pola cuestión da saúde ou mesmo pola dificultade para pagar alugueiros, pero cunha mentalidade urbanita.

TURISMO “SLOW”

Incidía no turismo slow. Cre que o contexto reforza esta aposta?

O turismo de masas é outra aposta errónea. Creo que nin medioambiental nin socialmente nos interesa. Buscamos un turismo como un complemento e apoio ao noso sistema de vida. Se vas a un pobo referente do turismo masificado, a forma de vida non ten nada que ver coa que tiñan esas persoas décadas atrás; é unha aposta única, poñer todos os ovos na mesma cesta, que pon en cuestión a crise. Aspiramos ao equilibrio entre sectores: primario, secundario e terciario. Como foi sempre e así debe seguir. Ao contrario, o noso modo de vida, os nosos produtos de quilómetro cero, son o feito diferencial que debe atraer a ese turismo, esa é a chave da súa sostibilidade.

“OS POBOS REFERENTES DO TURISMO MASIFICADO POÑEN TODOS OS OVOS NA MESMA CESTA, ESTRATEXIA QUE A CRISE PON EN CUESTIÓN”

Falando do turismo, nos últimos anos elaboraron distintos paquetes turísticos. Que ofrecen e cal é o seu obxectivo?

Tentamos con eles atraer xente ao territorio, seducir con paquetes atractivos, completos e cun prezo competitivo. Na Mariña non existen operadores turísticos, axencias de viaxes que sexan maioristas e os fagan. Ao contrario, predominan os axentes minoristas e emisores, que venden máis ben para levar mariñaos cara fóra. Dalgún xeito tivemos que facer ese papel, asumir esa tarefa. Buscamos sinerxias entre o público e o privado, colaborar cos Concellos, que nos ofrecen o abaratamento de guías turísticos, do uso de instalacións. Estes elementos permiten crear unha oferta única e competitiva en prezo, ofrecendo calidade sen que se resinta a rendabilidade para as empresas.

WEB COMERCIAL DA MARIÑA

Tamén teñen en marcha un estudo para a creación dunha web comercial. Como vai o proxecto?

O que fixemos é un estudo e un deseño desa plataforma: o primeiro que queremos é saber que hai na Mariña, que se fai e que existe no mercado, que están a facer outras zonas. Unha vez teñamos estes factores ben estudados, elaboraremos a estratexia: que é o que se adapta ás condicións da Mariña? Estamos nesa fase, rematando, porque o estudo estará listo antes de fin de ano, e agora estanse a facer entrevistas. Tamén queremos analizar ben que hai feito desde o ámbito municipal, porque se fixeron webs en Foz, en Ribadeo, etcétera. Non queremos facer algo máis, senón aproveitar o que hai feito. O obxectivo é que sexa un portal único de entrada da Mariña, non competir; a web será algo serio e tamén o que queiran as Acias e a xente á que vai destinada. Nós creamos esa ferramenta, pero non a imos xestionar.

Que outros proxectos teñen en marcha?

Traballamos en proxectos de cooperación con outros GDR, sobre todo a partir de produtos agroalimentarios, fundamentalmente a nivel dos seis GDR da provincia de Lugo. Tamén traballamos na promoción das Reservas da Biosfera, Oscos-Eo e do Xistral, para crear circuítos curtos de alimentación. Ademais, ofrecemos cursos de formación, e estamos abertos a que a xente nos propoña ideas sobre necesidades formativas. Os últimos obradoiros impartidos foron de produtos fitosanitarios, pero podemos dalos de calquera cousa que sexa necesaria para a xente, sempre pensando nun ámbito comarcal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...