Un mozo de Xove, Marco Samuel Pereira Oliveira, foi distinguido coa primeira edición do premio “Estudante Galeguista do Ano”.
O galardón premia o traballo a prol da lingua e cultura galegas de Pereira (Xove, 1993). O xurado recoñeceu o expediente académico do xovense e a súa tarefa como coordinador e locutor do programa de Radio Burela ‘Grandes Voces do Noso Mundo‘.
LUSOFONÍA
Este espazo musical tenta tender pontes entre o mundo lusófono. ‘Grandes Voces do Noso Mundo’ ten entrevistado a artistas de renome dentro da música popular galega, como Sés ou Guadi Galego, ademais de mostrar a obra de creadores do Brasil, Portugal ou Cabo Verde, entre outros países.
PERSEVERANCIA
O xurado valorou a vontade de Marco, que malia a súa cegueira foi quen de rematar con brillantez o ciclo superior de administración e finanzas que se imparte no IES Perdouro de Burela, e actualmente cursa primeiro de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.
IMPULSORES
A Asemblea Nacional Galega impulsa o galardón, que premia a excelencia académica e o compromiso coa cultura galega entre a mocidade. Colaboran catro librarías das cidades galegas: Cartabón (Vigo), Suevia (A Coruña), Trama (Lugo) e Pedreira (Santiago de Compostela).
Nas próximas semanas, a asociación organizadroa desvelará a data e lugar de entrega do premio.