O tradicional belén Viveiro ante o Berce volverá ao atrio da Igrexa de Santa María un ano máis, neste caso a partir da primeira semana de decembro, segundo avanzou o Concello nun comunicado de prensa. O goberno local organiza o nacemento en colaboración coa Deputación de Lugo, que financia integramente a súa montaxe, responsabilidade da Asociación Amigos do Casco Vello.
“Este belén está considerado como un dos máis importantes de Galicia, destacando pola súa beleza, a dimensión das súas pezas, a extensión do conxunto e por estar instalado nun enclave histórico-monumental único“, remarca o executivo municipal na nota, afirmando que o nacemento “pode considerarse como un dos referentes do Nadal galego“.
O feito de que Viveiro ante o Berce “constitúe un importante reclamo turístico e cultural para o municipio, atraendo unha gran cantidade de visitantes, o que supón un impulso económico destacable para a economía local”, fixo que o executivo municipal considerase “que a organización do belén neste 2020 era, se cabe, máis importante que nunca. A pandemia, así como as medidas e restricións derivadas da mesma, están afectando ao municipio, polo que esta iniciativa era clave para paliar os efectos do contexto sanitario”, argumenta o Concello.
O goberno local xustifica así a súa decisión, dende hai algúns anos, de “adiantar a inauguración do belén á primeira semana do mes de decembro. Polo tanto, ampliouse o período de apertura ao público, que se prolonga ata despois da festividade de Reis. Dita modificación tivo unha boa acollida xa que, segundo manifestan o comercio e a hostalaría local, inflúe positivamente na afluencia de veciños e visitantes”, indica o Concello.
PROGRAMACIÓN DE NADAL
O Concello de Viveiro anunciará “en breve” a programación cultural de Nadal, conclúe o goberno municipal, que inclúe “un conxunto de actividades nas que se tiveron en conta as restricións impostas pola Covid-19, procurando ofertar alternativas que sirvan para potenciar o municipio e compensar o peche que está a afectar á hostalería”.