IniciosociedadeA cervense Sara Mandiá, galardoada nos premios ás mellores teses de doutoramento...

A cervense Sara Mandiá, galardoada nos premios ás mellores teses de doutoramento do Estado

A autora, de 30 anos e afincada en Xetafe, estudou durante tres anos a relación entre a actividade dos investigadores nas redes sociais e a cantidade das citas profesionais que acadan

Publicada o

- Advertisement -

A cervense Sara Mandiá Rubal, de 30 anos e natural de Sargadelos, vén de ser galardoada nos Premios a la Investigación 2020 que outorga a Real Academia de Doctores de España. A doutora en Comunicación e Información Contemporánea e licenciada en Biblioteconomía e Documentación recibiu a distinción pola súa tese de doutoramento.

Presencia e nivel de actividade en redes científicas dos investigadores españois que publican en revistas de comunicación indexadas en Scopus (Elsevier): estudo dos perfís en redes sociais e o seu posible impacto nos índices de citación‘: así se titula o traballo, froito de tres anos de esforzo, que vén de ser recoñecido entre os mellores do exercicio a nivel estatal. Os requisitos para participar: obter a calificación de sobresaínte cum laude.

O RECOÑECEMENTO, “UN ORGULLO”

“É un orgullo que recoñezan así o teu traballo”, afirma Sara, que percibirá 1.000 euros polo premio e que queda pendente da entrega de diplomas, de momento sen data a causa da Covid-19. “Foi unha satisfacción tamén pola xente que me axudou, porque a miña titora tivo dificultades a nivel persoal e con todo envorcouse nisto”, salienta. A tese foi unha carreira de fondo “moi dura”, admite, que se reflectiu en arredor de 5.000 páxinas.

a investigadora analizou os perfís de 2.257 científicos, do que resultou un esforzo de arredor de 5.000 páxinas

A investigadora cervense tentou responder na tese á pregunta de se existe relación entre a visibilidade dos científicos na rede e a cantidade de citas que acadan, o que segundo explica quedou verificado, pois os máis activos “chegan a ter ata o dobre de citacións” na Internet. Para iso analizou os perfís de 2.257 investigadores españois -ou ben adscritos a algunha Universidade do Estado- na área de comunicación.

Outra das conclusións da súa tese é que “o 90% daqueles investigadores que publican están vinculados directamente coa Universidade, polo que se perde unha parte moi importante do saber práctico“. Desde unha perspectiva de xénero, non percibiu discriminación cara a muller neste ámbito, xa que “os resultados non son moi diferentes; habería que revisar periodicamente que non se produza unha fenda, pero as cifras de homes e mulleres son similares”, indica.

“COA PANDEMIA ABRÍRONSE OS GRANDES CONGLOMERADOS EDITORIAIS, O QUE É RARO QUE PASE. NOVE MESES DESPOIS HAI VACINA”

O ACCESO ABERTO Á INFORMACIÓN, A CHAVE

Para a autora, o trasfondo do seu traballo é “o acceso aberto á formación e a forma de relacionarse entre os pares, na que cada vez é máis frecuente a consulta na rede”. Trátase dun campo de estudo que cobra relevancia neste contexto, salienta a investigadora, “pola pandemia“. Que impacto pode ter a circulación libre de información de calidade na rede? “Os grandes conglomerados editoriais, fáloche de PubMed ou Scopus, abriron as súas bases de datos. Iso non soe pasar, é moi raro. E nove meses despois temos a vacina da Covid-19, que é moi axiña, tárdase habitualmente moitísimo máis tempo”, explica.

“Xeralmente todos os resultados da investigación de calidade, aínda cando está financiada polas Administracións, son publicados en medios privados, que custan moitísimo diñeiro, e con embargos de entre seis e doce meses ata que se poden consultar, o que evidentemente é unha traba totalmente consciente”, lamenta. “Cando veu a pandemia a información fluíu, e proliferaron os grupos de investigadores multicéntricos, que contactaron entre sí desde distintas partes, compartindo e contrastando datos, e ese tipo de experiencias abren para a ciencia campos infindos”, argumenta.

“a investigación, aínda cando é financiada publicamente, chega ao público por medios privados e con embargos de seis ou doce meses”

Mandiá-Rubal considera que a pandemia demostra que “a rede é unha vía de canalizar información importantísima que de compartirse o coñecemento axiliza a solución dos problemas”, polo que agarda que este fenómeno sexa un punto de partida “para poñer o foco noutras enfermidades, como por exemplo o cancro, para as que parece que nunca dá chegado o remedio, cando se fala de que xa o hai para o coronavirus”.

COIDAR A IMAXE VIRTUAL

A autora tamén aprendeu no camiño que “se orienta todo moito ao márketing persoal, a importancia de saber vender un perfil profesional e aquilo que se publica. Coidar a imaxe na rede é tan importante como o aspecto, a vestimenta, á hora de ir a un congreso, porque é certo que Internet é unha aldea global na que se te coñece a partir do que proxectas”, salienta.

“a rede é unha vía de comunicación importantísima e de abrirse o coñecemento axilízanse as solucións dos problemas”

A investigadora, que mentres realizaba a doutorado a partir dun mestrado cursado en Santiago de Compostela traballou no Senado, no Parlamento galego, na Biblioteca Nacional ou no Consejo Superior de Deportes, traballa agora como responsable de comunicación e documentación nunha fundación de investigación biomédica. Desde hai un ano vive en Xetafe, a case 600 quilómetros da Mariña, onde estudou no Ceip de Cervo e no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. “Sempre no ensino público”, reivindica sen dubidar nun tempo de intenso debate sobre a educación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...