O colectivo de empresarios e autónomos da hostalería de Burela, que representa a unhas 25 empresas do concello, fai un chamamento “a tódolos colectivos, asociacións e veciños” para participar nunha concentración, o vindeiro domingo ás 12.00 horas na Praza do Concello, como protesta polo confinamento perimetral e o peche do sector hostaleiro que o municipio padece desde o pasado 6 de novembro.
O grupo de hostaleiros convocantes da mobilización considera que nin o peche dos seus locais nin o confinamento perimetral de Burela “son a solución á crise sanitaria”, senón “unha ruína para todo o pobo, que se ve enteiramente afectado por esta situación, poñendo en risco o futuro de moitas empresas e de centos de postos de traballo“.
“O enorme movemento de persoas que por motivos xustificados entran e saen de Burela todos os días demostra que o peche perimetral non é útil no caso concreto deste concello, onde os grandes perxudicados son os propios veciños, a hostalería e o comercio”, argumenta o colectivo.
O colectivo opina que “o trato que está a recibir Burela”, único concello da Mariña que permanecerá pechado a partir desta fin de semana -tras avanzarse a liberación das restricións de nivel 1 en Viveiro-, “é totalmente desproporcionado en comparación con outros concellos da provincia, criticando unha forma de contabilizar os contaxios nada equitativa“.
Por todo isto, a hostalería burelá pide “agora máis que nunca” unha demostración da “unión” entre “comerciantes, distribuidores, panadeiros, carniceiros, pescadeiros, asociacións, familias e veciños” para que o que entende como “un sinalamento inxustificado” non “pase desapercibido”.
Na concentración deste domingo esixirase o uso correcto de máscara e manterase a distancia de seguridade obrigatoria entre persoas, “sendo conscientes de que a saúde segue sendo o primeiro na situación actual”, remata a agrupación.