O Concello de Foz solicita á Deputación de Lugo que axilice o convenio para construír a nova canceira para a protectora de animais.
O rexedor asegura que “as actuais instalacións non están á altura e non se atopan en bo estado”.
Castiñeira afirma que “están chegando reclamacións desde diferentes entes. Tamén a protectora, que é a xestora das instalacións, pide que axilicemos canto antes a construción da nova canceira”.
TERREOS E PROXECTO, LISTOS
O alcalde focego, o popular Javier Castiñeira, subliña que o Concello puxo a disposición do goberno provincial os terreos e o proxecto definitivo para realizar a obra, “moi necesaria e moi demandada”.
O rexedor insta ao goberno provincial a “preparar o convenio e a partir de aí asinalo, que saia a licitación a obra e poder ter canto antes, a poder ser no primeiro semestre do ano que vén, a construción da nova canceira”.
CON PROBLEMAS DESDE 2016
O goberno de Foz e a Deputación chegaron meses atrás a un acordo para a financiación da nova canceira, que a protectora de animais demanda alomenos desde 2016, cando comezou a ter problemas pola cantidade de cans a atender.
A nova instalación construírase en Escanlar, ao pé do punto limpo.