EFE. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este venres que seis municipios van saír das máximas restricións pola Covid-19, entre eles Viveiro, mentres que outros tantos se incluirán nesas limitacións, que supoñen o confinamento perimetral e o peche da hostelería.
Na roda de prensa trala reunión semanal do subcomité clínico, na que tamén participou a conselleira de Política Social, Fabiola García, dixo que pasan ao nivel 2 de restricións os municipios de Vedra, O Pino e Mugardos (A Coruña); Viveiro (Lugo), e Toén e San Cibrao das Viñas (Ourense). A alcaldesa viveirense avanzara a liberación do municipio das medidas máis restritivas.
As medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir desta medianoite.
Pola contra, pasarán a estar pechados os de Ribadumia, Meis e Meaño, na comarca do Salnés, cun confinamento perimetral conxunto; e os de Cee, Dumbría e Muxía, na comarca de Fisterra.