O Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade a proposición non de lei presentada polo grupo do Partido Popular a través da que se demanda ao Goberno central a cesión ou doazón, á maior brevidade, dos terreos e instalacións do antigo colexio de Celeiro (Viveiro) para iniciar as obras de acondicionamento do mesmo e trasladar alí a Escola Oficial de Idiomas (EOI) Luz Pozo Garza, cambio que permitiría dispoñer dun espazo para albergar a residencia da asociación de atención ás persoas con discapacidade intelectual Aspanane, a única das súas características que habería na Mariña.
O deputado popular José Manuel Balseiro lembrou que no mes de abril de 2019 chegouse a un acordo a tres bandas entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro para trasladar a EOI ao antigo colexio de Celeiro.
Esta actuación permitiría duplicar a superficie da EOI pasando dos 659 metros cadrados útiles actuais a máis de 1.215 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas remodeladas na súa integridade e con melloras de accesibilidade e máis espazos. Ademais de “blindar a continuidade deste centro público en Viveiro”, suporía “dispoñer dunhas instalacións máis amplas e modernas”, resalta Balseiro.
A outra parte do acordo faría viable “que Aspanane puidera ampliar as súas dependencias para novos fins sociais, en particular para crear unha residencia”, apuntou o deputado autonómico do PP.
Porén, Balseiro lamentou que, “logo de 20 meses de espera, o Goberno central non foi quen de materializar esa cesión do antigo colexio de Celeiro, a pesar da solicitude realizada pola Xunta de Galicia”.