A creación dunha pista multideporte cuberta para o centro de día San Aníbal das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas en Burela foi unha das obras financiadas con fondos da medida Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, que custeou arredor do 83% das actuacións, cun importe total de 78.900 euros. Os traballos, rematados desde o pasado mes de decembro, completáronse co arranxo da zona de xogos infantís e do xardín, patrocinados pola Deputación de Lugo.
“Utilizan a pista, de céspede artificial e cuberta, tanto os rapaces do centro de día como os do fogar ou casa de familia, facendo tanto xogo libre como deporte dirixido. Directamente estanse a beneficiar da instalación uns 38 rapaces, os 28 do centro de día e dez no fogar. A maioría teñen de oito a 18 anos de idade. Proveñen de Burela e Foz principalmente, pero tamén de Cervo, Xove e Ribadeo“, explica o formador Jesús Iglesias.
“A pista é moi importante para adquirir hábitos saudables. Antes pediamos espazos aos Concellos ou ao colexio, deste xeito dispoñemos dela libremente”, indica. Unha situación que se fai especialmente importante coas limitacións que impón a pandemia. “Agora mesmo, sen poder saír do municipio, teriamos moi poucas alternativas, A Marosa ou o Monte Castelo. Deste xeito podes xogar calquera tipo de deporte, baloncesto, voleibol, fútbol sala… É igual que chova ca que non. Tantas alternativas nos ofrece que nós incluso faciamos as visitas aí no confinamento, era máis seguro que nun lugar pechado. Foi algo providencial”, sostén.
UN FOGAR E UNHA ALTERNATIVA AO INTERNAMENTO
Iglesias explica os servizos que ofrecen tanto o centro de día como o fogar. “O centro de día das Fillas do Divino Celo é o único que hai na Mariña. Algúns centros de menores contan con algunha praza, pero non ofrecen este servizo. No fogar viven os rapaces tutelados, aos que se declarou en desamparo por parte da autoridade xudicial ou a Administración, que poden coñecer un ambiente familiar. No centro de día préstase un apoio ás familias, é unha alternativa para evitar o internamento. Veñen durante o día e de noite volven á casa”, expón.
Á PROCURA DA AUTONOMÍA
“No centro de día, cada neno conta cun educador. Son grupos pequenos, entre cinco e sete rapaces por cada un, que traballan todos os aspectos da vida diaria, así como o reforzo escolar e o xogo. O fogar está centrado na emancipación, na inserción laboral e formativa; estudan FP e Bacharelato. Búscase adquirir unha autonomía. No fogar son todos españois, mentres que no centro de día un 30% teñen pai ou nai ou os dous estranxeiros”, afonda.
A OCUPACIÓN, SEMPRE POR RIBA DO LÍMITE
Uns servizos para os que nunca falta demanda. “Con respecto ao grao de ocupación, no centro de día hai 20 prazas e son 28 rapaces, e levamos así meses. No fogar temos oito prazas e levamos cinco anos con entre dez e once. Sempre superando un 30% a demanda. Por sorte as instalacións son boas e permiten a sobreocupación”, admite Iglesias.