Ante a necesidade de evitar aglomeracións pola Covid-19, o Concello de Burela pon en marcha a campaña ‘Queres falar con Papá Noel‘. Os pais, nais ou titores legais dos pequenos deberán solicitar, a través da web, que Santa Claus se poña en contacto con eles nas vindeiras datas de Nadal. O prazo de inscrición remata o día 17 de decembro.
As persoas interesadas terán que solicitar esa chamada a través da web www.nadal2020.es onde aparecerá un apartado chamado Rexistro no que deberá marcarse o de Burela. Despois da inscrición, e de marcar a data e a hora, deberá terse dispoñible o teléfono móbil a través do que se vai establecer a comunicación.
A COVID-19 IMPÓN A DISTANCIA FÍSICA
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, declara que “este ano é diferente dos demais e os nosos nenos e nenas non poderán sentarse no colo de Papá Noel para contarlle que é o que lles gustaría recibir. Por esta razón todos os nenos e nenas do noso concello que así o desexen, recibirán unha videochamada a través de Whatsapp para falar con el en persoa”, indicou.
A edil engade que “no caso de que non dispoñan de conexión, que non saiban rexistrarse o que o seu móbil non teña whatsapp, desde o Concello imos encargarnos de que ningún neno ou nena quede sen a súa chamada”.
López explica que “ademais os departamentos de Servizos Sociais e Inmigración do Concello van contactar con todas as familias que non teñan acceso a internet ou non estean tan afeitas coa tecnoloxía para que ningún neno ou nena quede sen a súa chamada, se así o desexa”.
A concelleira sinala que “tamén nos puxemos en contacto con Cáritas, co Centro San Aníbal e Cruz Vermella para que ningunha familia con nenos quede fóra. Ademais estamos en contacto coa Fundación Eu Son e a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental para que aqueles usuarios que o demanden poidan recibir tamén a súa chamada”, concluíu.
INSCRICIÓNS
En Xove fan a mesma aposta. Dende o Concello facilitan a inscrición para que os pequenos do municipio poidan falar por videochamada tanto con Papá Noel coma cos Reis Magos. O prazo, no primeiro caso, remata o 17 de decembro; no segundo, o 29 de decembro.
Calquera familia que non dispoña de Whatsapp pode chamar ao teléfono 641.585.245, e desde a plataforma facilitaranlle aos pais a forma de poder realizar a videochamada. Este servizo é gratuíto.