Acisa vén de presentar a súa campaña de Nadal que se desenvolverá do 4 de decembro ata o 10 de xaneiro de 2021. Inclúe a X Festa do Comercio, que repartiá 4.000 euros en premios, ademais de ambientación musical, concursos, sorpresas para os máis pequenos e pequenas da casa e a instalación dun árbore na praciña de San Roque. O slogan elixido é ‘Vive o Nadal en Ribadeo‘.
UN PREMIO DE 2.000, OUTRO DE 1.000, UN DE 500 E CINCO DE 100 EUROS
O xerente, Jesús Pérez, explicou que “este ano a Festa do Comercio vén con novidades. A principal é que o sorteo non será presencial para evitar as aglomeracións que se producían outros anos. Este realizarase nas oficinas de Acisa o 11 de xaneiro e será emitido en directo a través das redes sociais da asociación, coa posterior publicación dos números agraciados nos medios de comunicación”, concretou. Repartiranse un premio de 2.000 euros, un premio de 1.000, un premio de 500 e cinco premios de 100. Inicialmente póñense en circulación 125.000 rifas.
ANIMACIÓN EN DIRECTO E PASARRÚAS
Pérez sinalou que “se procederá a instalar o árbore de Acisa na praza de San Roque, tamén con novidades creando un espazo único onde veciños e visitantes poidan fotografarse, fronte ao nome de Ribadeo en tamaño XL, iluminado para a ocasión. Tamén apostamos pola ambientación musical; ademais, seguindo co espírito navideño, Acisa convocará un concurso de decoración e iluminación”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, engadiu que “apostaremos tamén pola animación en directo, sempre que as circunstancias o permitan e deixando aberta a posibilidade de cancelación. Contaremos con animación para os máis pequenos da casa, así como para as horas de saír a tomar un viño ou unha caña. Teremos ademais actividades como unha visita dos Bolechas e pasarrúas de gaitas varias fins de semana, pola tarde e ao mediodía”.
CAMPAÑA DE PROMOCIÓN
Pérez expuxo que “todo isto non se entendería sen unha ampla campaña de promoción, a máis potente dos últimos anos, co fin de dicirlles aos ribadenses, aos veciños da comarca e de lugares próximos, que Ribadeo é o mellor lugar para facer as compras, tomar un viño, encargar a cea de Nadal e desfrutar dunhas festas diferentes. Faremos unha ampla promoción en prensa escrita, dixital e en radios, e completarémola con spots publicitarios durante estes días nas televisións autonómicas de Galicia e Asturias”, afondou.
Iriarte subliñou que “toda esta programación exclusiva de Acisa Ribadeo contará co financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, administracións ás que lles estamos moi agradecidos. Para este Nadal non debemos esquecer a campaña das panchas, organizada polo Concello de Ribadeo, coa colaboración de Acisa e Abanca. Estamos seguros de que todo, no seu conxunto, será un revulsivo máis para comprar en Ribadeo este Nadal”, finalizou.