IniciosociedadeA hostalería de Burela poderá reabrir o venres con limitacións, pero a...

A hostalería de Burela poderá reabrir o venres con limitacións, pero a mobilidade seguirá restrinxida

A Xunta establecerá límites na restauración en principio do 40% de ocupación en interior e do 50% en exterior; a situación epidemiolóxica mellora con 13 positivos novos nos últimos 14 días

Publicada o

- Advertisement -

EFE. Galicia iniciará este venres o proceso de desescalada, con restricións de mobilidade con Portugal, reapertura da hostelería, con distintas limitacións, e posibilidade de reunións de non convivintes, cun máximo de catro ou de seis dependendo dos datos epidemiolóxicos de cada municipio.

Así o explicou en roda de prensa o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trala reunión do comité clínico de onte, que decidiu aliviar as restricións en oito concellos, incluídas as áreas de Santiago e Ourense, mentres se suman ás máximas limitacións dous municipios máis, ata un total de 56.

Estes 56 municipios, entre os que se inclúen as cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vigo, ademais de Burela, seguirán con restricións de mobilidade, aínda que poderán abrir os locais de hostelería con distintas limitacións.

CATRO LIMITACIÓNS DIFERENTES EN BARES E RESTAURANTES EN FUNCIÓN DA INCIDENCIA DO VIRUS

Núñez Feijóo explicou que no máximo nivel de restricións -cunha situación epidemiolóxica por riba dos 250 casos por 100.000 habitantes a 14 días– no que estará a área de Pontevedra, entre outros municipios, poderán abrir só as terrazas cunha capacidade de ata o 50% e só ata as 17.00 horas,

No nivel intermedio, de localidades con incidencia entre 150 e 250 casos a 14 días por 100.000 habitantes -Ferrol, Vigo, Vilagarcía e Vilanova ou Dumbría e Muxía, entre outros-, a hostelería reabrirá ao 30 por cento en interiores e 50 por cento en terrazas, ata as 17,00 horas e con agrupacións máximas de catro non convivintes.

O seguinte nivel, con incidencia de 100 a 150 casos por máis de 100.000 habitantes a 14 días -A Coruña, Arteixo, Cambre ou Culleredo, por exemplo-, permitirá abrir a hostelería ao 40% en interior e ao 50% en exterior, cun máximo de seis persoas non convivintes. Este sería o caso no que Burela se atopa este mércores, con 13 positivos localizados nas últimas dúas semanas e unha taxa inferior aos 150 contaxios; o pasado martes a cifra era de 26 infeccións nese mesmo prazo.

Finalmente, os concellos por debaixo dos 100 casos -os liberados o pasado martes- poderán ter os bares ao 50% en interiores e ao 75% en exteriores, tamén con grupos limitados a seis non convivintes.

RESTRICIÓNS DE MOBILIDADE CON PORTUGAL

Feijóo anunciou ademais que se establecerán “restricións de mobilidade” con Portugal desde as 00.00 horas do xoves o venres, cando se inicia a desescalada, e ata o próximo 9 de xaneiro.

Estas restricións co país veciño, que serán comunicadas pola Xunta ao Ministerio de Asuntos Exteriores e a Delegación do Goberno, poderían implicar ter que decretar o peche perimetral total de Galicia, aínda que Núñez Feijóo espera que non sexa así, xa que o territorio galego xa se atopa confinado ‘de facto’ polos peches das comunidades limítrofes de Asturias e Castela e León.

MANTENSE O TOQUE DE QUEDA ÁS 23.00 HORAS

Ademais, recordou que na reunión do comité clínico de onte decidiuse abrir o peche perimetral en oito municipios, as zonas conformadas por Santiago-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-Pereiro de Aguiar, e A Estrada (Pontevedra), e Ares (A Coruña), que pasan ao nivel 2 e poderán abrir os locais de hostelería, cunha ocupación do 50% en interior e o 75% en exterior.

Nestes municipios poderán tamén reunirse non convivintes ata un máximo de seis persoas.

Pola contra, na reunión de onte acordouse o incremento das restricións ao nivel máximo, coñecido como o “modelo Carballiño“, na Guarda (Pontevedra) e As Pontes (A Coruña).

O mandatario galego informou tamén de que o plan de desescalada adoptado para previr a propagación da pandemia da covid-19 terá catro fases de restricións e será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) este xoves, e que se mantén o toque de queda ás 23.00 horas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...