A Xunta de Galicia vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral galego. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo mañá ao mediodía na Mariña lucense e no noroeste e oeste da provincia da Coruña, que pola tarde se estenderá á costa de Pontevedra e ao suroeste do litoral coruñés con ventos do oeste ou do noroeste de forza 7 ou 8 e mar combinada do noroeste con ondas de ata oito metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos Concellos da provincias afectadas; Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias e paseos marítimos, coa fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (na ligazón anterior), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.