Llano espera que Burela, con 12 casos novos nos últimos 14 días, recupere o sábado a mobilidade

A taxa de incidencia acumulada no municipio é de 146 casos por 100.000 residentes; o rexedor burelao cre que "non temos porque estar diferenciados doutros concellos"

Control da Garda Civil EFE/ELISEO TRIGO

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, agarda que o municipio recupere a mobilidade o sábado”, o que está en dúbida despois de que a Xunta de Galicia confirmase para esta fin de semana a reapertura -con limitacións de aforamento- da hostalería, pero non por agora o confinamento perimetral. O comité clínico do Goberno autonómico reunirarse de novo este venres para tomar unha decisión.

O rexedor burelao participou este xoves nunha xuntanza coas autoridades sanitarias, na que tamén tivo presenza o Concello de Viveiro. Así, destacou unha “mellora espectacular” no municipio, pois “agora mesmo andamos roldando entre sete e 13 casos de coronavirus activos, pero xa van collendo as altas. E no hospital hai tres positivos. Imos evolucionando ben. Temos unha taxa acumulada de 146 contaxios por 100.000 habitantes, polo tanto estamos por debaixo de 150. Iso implica entrar doutra maneira na normativa”, argumentou.

REAPERTURA DA HOSTALERÍA CON RESTRICIÓNS

Llano explicou que “en principio se vai abrir a hostalería, a partires de mañá pola mañá e van estar abertos ata as once da noite. No interior poderá haber un 30% do aforo e fora un 50%. Tamén está permitido facer agrupamentos de seis persoas, sexan convivintes ou non, nos parques, andando ou facendo vida social”.

Para o rexedor burelao “é unha boa nova. Penso que a hostalería e o comercio estarán contentos de recuperar a actividade dunha vez. Hai que ter en conta que Burela se sacrificou moito durante este mes de novembro. Practicamente da Mariña fomos os únicos que tivemos o peche perimetral e iso restou afluencia para moitas cousas. Destaco tamén que este é un pobo co que hai que estar contentos. Dada a súa maneira de traballar en conxunto e grazas a esa colaboración global, volvemos agora saltar a outro nivel”, sostivo.

Deste xeito, manifestou que agarda recuperar a mobilidade “ao estar xa nunha posición optimista, porque non temos porque estar diferenciados doutros concellos da Mariña”.

VIVEIRO TEN SEIS POSITIVOS, NINGÚN NOVO EN 14 DÍAS, E FOZ SUMA 21 EN DÚAS SEMANAS

Por outra banda, no municipio de Viveiro, que foi liberado a pasada fin de semana do nivel máximo de restricións, “a día de hoxe hai un total de seis casos activos por Covid-19″, concretou o goberno local nun comunicado.

“Estes datos implican tamén que a incidencia en Viveiro por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días sexa dun 0%, e nos últimos 14 días dun 19,4%, sen contaxios novos desde hai dúas semanas“, remarca o Concello, o que é “resultado do esforzo da cidadanía por cumprir as medidas sanitarias”.

Foz é actualmente o concello da Mariña con máis positivos, 21, nos últimos 14 días. Podes consultar os datos de cada municipio nesta ligazón.

O HOSPITAL ATENDE TRES PACIENTES CON COVID-19

No tocante á provincia, segue baixando o total de casos activos na área sanitaria de Lugo: son 885, 26 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) este xoves 2 de decembro. Tamén descenden os casos diarios, ao confirmarse 31 novos positivos por PCR nas últimas 24 horas.

Así mesmo, a presión asistencial tamén segue coa súa tendencia á baixa, ao constar 30 hospitalizacións (dúas menos ca onte). En concreto, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) atende dous pacientes na UCI (=) e 21 en planta (-1); o da Mariñatres (-1); e o de Monforte, outros tres (-1). Non obstante, o Sergas notifica hoxe un paciente positivo no hospital privado Polusa.

No histórico da provincia, contabilízanse 126 vítimas mortais da pandemia. O último foi un home de 79 anos que faleceu no HULA.

Por outra banda, ata o momento curáronse 5.339 pacientes (déronse 58 dende a anterior actualización de datos) e fixéronse 105.040 PCR, o que implica que na última xornada se realizaron 573 probas.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, estes son os datos comunicados polo Sergas:

MAIORES

12 Residencia San Cibrao (Cervo)

17 Residencia San Salvador (Guntín)

1 Domusvi Monforte

106 Residencia Asilo Vilalba

TRABALLADORES

1 Residencia DomusVi Chantada

3 Residencia San Cibrao (Cervo)

7 Residencia San Salvador (Guntín)

1 Residencia A Veiga (Láncara)

1 Residencia Albertia Lugo
1 Residencia San Rafael (Mondoñedo)

21 Residencia Asilo de Vilalba

1 Residencia San Vicente de Paúl (Lugo) (discapacidade)

CENTROS EDUCATIVOS

Este é o reconto de contaxios do Sergas nos centros educativos da Mariña, con tres altas e ningún positivo novo:

CENTRO (POSITIVOS/AULAS PECHADAS/CENTROS PECHADOS)

FOZ E.I de Foz 2 1 0

BURELA IES Perdouro 1 0 0

(unha alta no IES Monte Castelo)

FOZ CEIP O Cantel 3 0 0 (unha alta)
FOZ CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Pilar 3 0 0
FOZ IES de Foz 1 0 0

LOURENZÁ CEIP Juan Rey 1 0 0

MONDOÑEDO CEIP Álvaro Cunqueiro Mora 1 0 0

RIBADEO CIFP Porta da Auga 2 0 0 (unha alta)
RIBADEO CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús 1 0 0

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here