IniciosociedadeA Mariña perdería de continuar a tendencia demográfica 7.564 habitantes en 15...

A Mariña perdería de continuar a tendencia demográfica 7.564 habitantes en 15 anos, o 10,7%

Un informe estimatorio do IGE constata que á perda de residentes únese o envellecemento poboacional; no 2035 habería na comarca 314 maiores de 65 anos por cada 100 menores de 20

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña perdería, de continuar a actual tendencia demográfica, 7.564 residentes nos vindeiros 15 anos -o 10,7%-: pasaría de 70.528 a 62.964 habitantes. Así o confirma Informe sobre proxeccións de poboación a curto prazo publicado este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O documento, que parte da información proporcionada cada dous anos polo Instituto Nacional de Estadística (INE), pretende estimar a distribución futura da poboación de Galicia, formulando o escenario máis probable con base na última información demográfica dispoñible. Así, constata que “de mantérense as tendencias demográficas actuais”, a comunidade galega “presentaría un comportamento continuo de decrecemento poboacional no período 2020-2035, que chegaría a acumular unha caída do 6,6%, do 10,5% no caso da provincia de Lugo“. Das 20 comarcas nas que se divide o informe, A Mariña sería a novena na listaxe de peores porcentaxes no tocante á taxa de variación.

504 RESIDENTES MENOS POR ANO

Tomando como referencia as previsións a 1 de xaneiro de 2020 e a 1 de xaneiro de 2035, A Mariña perdería nese período 7.564 habitantes, 504 por ano.

Cadro do IGE sobre a poboación estimada a 1 de xaneiro de 2020 e a 1 de xaneiro de 2035. IGE

O SALDO MIGRATORIO ALIVIARÍA UN BALANCE VEXETATIVO NEFASTO

O documento tamén realiza previsións para o período 2020-2034 no tocante ao saldo vexetativo e migratorio. O balance positivo no tocante á chegada de migrantes suavizaría, cunha estimación de 2.654 novos habitantes, a sangría demográfica da bisbarra, posto que segundo o dossier nacerían na Mariña 3.931 persoas, mentres que falecerían no mesmo período un total de 14.146.

 

Táboa do IGE. IGE

NO 2035, O 35% DOS MARIÑAOS TERÍAN 65 ANOS OU MÁIS E SÓ O 15% MENOS DE 25 ANOS

O informe tamén permite comprobar que, dos 62.964 habitantes estimados na Mariña en 2035, case o 35% terían 65 anos ou máis, mentres que a poboación moza, menor a 25 anos, suporía algo máis do 15% da poboación.

Os investigadores utilizan para analizar este baremo o índice de envellecemento (relación entre a poboación de 65 e máis anos con respecto á poboación menor de 20 anos), que na Mariña sería de 191,2 no 2020 (é dicir, por cada 100 rapaces habería 191 anciáns), e que aumentaría a 314,2 no 2035.

Por último, no relativo ao índice de sobreenvellecemento (proporción de poboación de 85 e máis anos con respecto á poboación de 65 ou máis anos), a taxa na Mariña rondaría o 20% no 2020 e superaría por pouco o 18% en 2035.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...