IniciosociedadeRibadeo propón dispor unha carpa en inverno para os maiores que agardan...

Ribadeo propón dispor unha carpa en inverno para os maiores que agardan a entrar ao centro de saúde

O Concello pide financiamento á Xunta para a instalación, aínda que concreta que asumirá os gastos da montaxe e algueiro se o Goberno autonómico non proporciona fondos

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, propón a instalación temporal dunha carpa diante do centro de saúde para que a xente que acode a realizar analíticas a primeira hora da mañá non teña que agardar na rúa á intemperie nos meses do inverno. O rexedor ribadense considera que os custos deberían ser asumidos pola Consellería de Sanidade, pero de non ser así será o Concello o que se encargue, afirma.

Suárez Barcia asegura que “son moitos os veciños e veciñas que lle amosaron a súa preocupación por ter que agardar no exterior do centro de saúde con xeada, chuvia ou frío” desde a entrada en vigor dos protocolos Covid-19.

O alcalde ribadense cualificou de “situación preocupante” o feito de que “moita xente ten que estar á intemperie cando son citados para facer as analíticas a primeiras horas da mañá, con xeada, con vento frío e con chuvia, e que ten que estar agardando no exterior do centro de saúde a que o persoal de servizo a chame para darlle acceso. Evidentemente sabemos que hai uns protocolos que deben ser cumpridos para tentar minimizar os riscos de contaxio pola Covid-19, polo que non é posible que a xente estea dentro do edificio como antes da pandemia”, matiza.

CONDICIONARÍA O ACCESO DO TRÁFICO PESADO, AÍNDA QUE NON DAS AMBULANCIAS

Deste xeito, e aínda que remarca que “o Concello non ten vencello directo en materia sanitaria”, desde o goberno local “non somos alleos ao que pasa. Quixéramos plantexar, e de feito o propoñemos por escrito, instalar durante os meses de inverno unha carpa diante do edificio do centro de saúde de Ribadeo, a dúas augas con cuberta de lona ignífuga e aberta ou pechada polos laterais, en función do que as autoridades sanitarias puideran dicir. Trátase dun elemento para protexer contra o vento e contra a chuvia, unha instalación que ocuparía uns oito metros de ancho por quince metros de longo, cubriría este edificio e deixaría paso aos viandantes que quixeran pasar por esta rúa. Evidentemente sería suficientemente alta para que as ambulancias puideran seguir entrando a esta rúa e quedaría condicionado o acceso de tráfico pesado durante o tempo que estivese colocada”, explica o rexedor ribadense.

Fernando Suárez engadiu que esta medida proponse pensando en que “nas vindeiras semanas a climatoloxía, como é evidente, ha de ir a peor”, e en que “gran parte desta poboación que fai as analíticas neste tipo de probas basicamente son xente maior e de risco. En canto á asunción de quen debe asumir este custo, entendemos que debería ser a Consellería de Sanidade contando co noso apoio, en materia de tráfico e de permisos, pero xa avanzo que se a Consellería de Sanidade non quere porque di que non é posible, desde a Concello de Ribadeo asumiríamos o custo da montaxe e desmontaxe, así como o custo do alugueiro desta carpa durante todo o tempo ata a chegada da primavera”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...