O BNG denunciou este luns nunha rolda de prensa que os orzamentos da Xunta de Galicia, á espera do trámite de emendas que rematará o 21 de decembro, “volven a esquecer” á comarca da Mariña, que produce “o 33% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo pero só leva o 19,25%”.
SEN PARTIDA PARA INTERVIR ALCOA
Así se expresaron a coordinadora comarcal da formación frontista e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o deputado autonómico ribadense Daniel Castro. A rexedora barreirense salientou que “volven desaparecer” do proxecto de contas do Goberno autonómico “demandas fundamentais” a nivel comarcal como “o corredor” Ferrol-San Cibrao na parte que atinxe á bisbarra, ademais de que “non se prevé ningún tipo de partida, coa situación actual que hai en Alcoa, para a posible participación da Xunta nunha intervención pública” da fábrica. Os orzamentos tamén “deixan de lado”, indica o BNG, o reforzo de atención primaria.
“O PP FAI DA COMARCA A PERIFERIA DA PERIFERIA”, ASEGURAN OS NACIONALISTAS
“A valoración que facemos é similar á dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), unha vez máis a comarca non conta para os Gobernos, neste caso o da Xunta, e as súas demandas quedan esquecidas, sexa desde Madrid ou Santiago de Compostela“, expuxo Ermida, que anunciou así a presentación de emendas ao documento por parte da formación frontista, coa fin de “tentar que o Partido Popular (PP) se aveña a negociar contías que recollan estas necesidades”.
Castro, pola súa banda, argumentou que A Mariña é “a periferia da periferia” para a Xunta, apoiándose nos investimentos finalistas previstos: “para a provincia de Lugo hai consignados 63,72 millóns, correspondéndolle á Mariña 12,27 millóns, o 19,25%, unha porcentaxe moi pequena. Todo o mundo se enche a boca decindo que a bisbarra representa máis do 33% do PIB na economía provincial, pero esa proporcionalidade non se reflicte nestes orzamentos”, criticou.
“Quitando as partidas para depuradoras e saneamento, principalmente para Viveiro, e dos 2,7 millóns previstos para débedas históricas a vía de altas prestacións (VAP) Costa Norte, que ía estar rematada primeiro no 2013 e logo no 2017, os investimentos finalistas son inexistentes ou testemuñais: o plan director do Hospital recibe 300.000 euros”, exemplificou.
OS ORZAMENTOS EXEMPLIFICAN “A ESTRATEXIA CENTRALIZADORA” DO PP
Ademais, contextualizou os investimentos previstos pola Xunta “nun momento no que A Mariña non sabe cal é o seu futuro industrial e laboral, coa situación de Alcoa, e tamén cos danos que están a sufrir os sectores turístico e hostaleiro, porque hai nada tivemos vilas pechadas e en xullo tamén o estivemos”. Malia que “todas as bisbarras teñen reclamacións necesarias”, a comarca merece pois ao seu xuízo “unha discriminación positiva” cando, ao contrario, “o PP contesta cunha discriminación negativa“.
Así, censurou a “estratexia centralizadora” do PP, dado que “Lugo e arredores reciben o 74,37%” dos investimentos na provincia: “o deseño de país (do partido conservador) é concentrar os servizos arredor das grandes cidades, desvertebrando moitas comarcas como é o noso caso e como se viu coa eliminación da área sanitaria e a conseguinte perda de servizos no Hospital”.
“Queremos saber que acontece coas demandas de solo industrial, de abastecementos de auga, de saneamentos, de dragaxe de rías e de portos, de mellora da atención primaria e dos centros de saúde, de infraestruturas… Demandas que se repiten ano tras ano e que son rexeitadas ano tras ano. Preguntámonos se inflúen as cores políticas dos gobernos locais, porque non hai explicación para este tipo de políticas encabezadas polo señor Feijóo“, finalizou.